Francisco Díaz-Fierros: "As políticas curtopracistas non serven para o monte"

Francisco Díaz-Fierros é membro do Consello da Cultura Galega. (Foto: Nós Diario)
O catedrático emérito da USC Francisco Díaz-Fierros (Vilagarcía, 1941) ten coordinado múltiples volumes sobre as causas e consecuencias dos incendios forestais na Galiza, o máis recente, 'Unha nova xeración de lumes? Actas do coloquio galaico-portugués sobre incendios forestais', editado polo Consello da Cultura Galega en 2021 coa participación de persoas expertas da Galiza e Portugal.

—Nas súas publicacións ten sinalado o factor humano como a principal causa dos incendios, algo que vai máis aló da piromanía e se centra, sobre todo, no desartellamento do sector agroforestal galego. Que consecuencias tivo este abandono?
A desarticulación do sistema tradicional comezou nos anos 60 coa emigración. O campo non tiña capacidade para soster toda a poboación que vivía alí e o nivel de vida das cidades tamén achegaba expectativas que alí non se producían. Moitos camiños desapareceron por mor da vexetación, por exemplo o mato, que na zona atlántica ten unha capacidade de crecemento impresionante debido ao clima. Todo isto no seu conxunto fai que o monte se converta nun hábitat coa máxima combustibilidade que arde cando hai un descoido ou un fenómeno natural como a tormenta deste verán; é un perigo latente.

—Menciona tamén o antigo debate sobre a pertinencia das especies pirófitas —con esencia ou resinas inflamábeis que axudan a propagar o lume— nos montes galegos.
Hai moitas visións do monte e unha delas é naturalmente a do propietario, que quere tirarlle un rendemento económico. Para iso búscalle unha produtividade, a capacidade de xerar cartos non a moi longo prazo. Primeiro veu o piñeiro, hai uns 200 anos, e logo o eucalipto, no século pasado, cun único fin produtivista, que está ben, mais obviamente hai que limitar e ordenar para buscar tamén outros usos do monte non necesariamente produtivistas. Hai rendibilidades a medio prazo e outras a longo que cómpre compaxinar. 

—Como podemos, pois, compaxinar eses usos do monte?
Non todas as terras teñen a mesma capacidade, unhas son máis axeitadas para especies de medre rápido, como o eucalipto, e outras son para especies tradicionais, como carballo e castiñeiro, que teñen máis exixencias de auga e outros elementos que o eucalipto ou o piñeiro. Hai que delimitar claramente cales son as potencialidades e os problemas derivados que poden vir. Non se pode illar, que é un erro que se comete moitas veces, a masa forestal do sotobosque, como o mato que medra baixo as árbores. O conxunto pirófito é o ecosistema, e neste senso cómpre lembrar que a gran maioría dos incendios comezan no mato. Existe esta primeira fonte de combustibilidade e logo prodúcese unha transmisión vertical, que vai do mato ás copas, e outra horizontal, cara adiante.

Un estudo que fixo un equipo internacional após os tráxicos sucesos de Pedrógão (Portugal) concluíu que a especie que menos arde cando o mato está ben xestionado é a tradicional, o carballo. Pero nun escenario co mato mal xestionado con carballo ardería máis que o eucalipto co mato ben xestionado. Por iso cómpre traballar co conxunto pirófito.

—Que pasos deben dar as administracións para avanzar na ordenación dos montes e contribuír á prevención de incendios?
Desde logo, a iniciativa privada non vai ir por aí, polo que é a Administración a que ten que actuar con decisión, algo que non é sinxelo. Hai moitos estudos que apuntan á concentración de terras, por aí deberiamos tirar. As comunidades de montes poderían ser un núcleo importante; se ben é certo que a maioría funcionan ben, outras non, así que habería que 'revitalizalas' e que o espazo que xestionasen do monte servise de exemplo.

E a Administración ten que buscar un ordenamento racional e con bastante perspectiva de futuro, porque tampouco podemos ordenar a catro anos vista. Hai especies que necesitan centos de anos para desenvolverse e iso obriga a organizar e artellar a estratexia no medio e longo prazo, non podemos facer políticas curtopracistas porque no monte iso non vale para nada.

As consecuencias da desorde urbanística

A voracidade das chamas calcinou o pasado xullo a aldea de Vilar, en Folgoso do Courel. As vivendas achábanse a escasos metros da masa forestal ao non contar coa faixa de 50 metros de cortalumes que exixe a lexislación vixente. A norma, precisa Díaz-Fierros, quedou "nas mans dos concellos" e "non se lle deu a axilidade que debía ter unha medida tan importante", o que provocou que en moitos casos non se cumprise.

"Houbo unha desorde urbanística enorme, hai estudos que din que case a metade das edificacións galegas dos últimos dez anos fixéronse na interfase urbano forestal [espazo no que o bosque conecta coas zonas edificadas] e iso aumenta o risco. Tradicionalmente moitos lugares tiñan un espazo dedicado á agricultura arredor das casas que facía de cortalumes, e iso practicamente desapareceu. Mais o principal factor foi esa desorde urbanística", sostén.