Fran Rei: “Teño a sensación de que o xuízo vai acabar e imos quedar como estabamos”

Fran Rei
O daquela responsábel nacional de organización dos Comités Abertos de Facultade (CAF) estudaba na Coruña cando afundiu o Prestige, Fran Rei participou do movemento Nunca Máis e ten, dez anos despois, a imaxe da protesta na memoria. Férvelle o sangue cando pensa que os que considera culpábeis da catástrofe teñen hoxe postos de responsabilidade no Goberno español.

 

Lembra o día do afundimento do Prestige?

Perfectamente. Eu estaba na Coruña e había un temporal tremendo. Lembro que estaba na facultade como todos os días. Cando soubemos que se afundía o petroleiro na miña clase tivemos unha reacción instintiva, antes de que apareceran as bandeiras de Nunca Máis, de sacar as bolsas de plástico negras das papeleiras do lixo e poñelas nas ventás. Foi un acordo de toda a clase en sinal de protesta polo que se sospeitaba sería unha catástrofe medio ambiental.

E os seguintes días?

Despois viñeron máis accións. Lembro que a nivel de Campus fomos buscar chapapote ás praias. Un compañeiro de Económicas, Alberte Sánchez fora a unha praia de Arteixo para pintar con letras en chapapote un cartaz da Xunta que había á entrada do campus de Elviña. Contactáramos con Reuters que logo non puideron vir. Daquela improvisamos a protesta. Algo había que facer.

"Este tipo de “xuízo-farsa” é unha cousa de cara á galería"

Despois chegou a indignación...

Era unha barbaridade. Lembro por xente da Costa da Morte que se sabía que o fuel chegaba ao mesmo Pase Marítimo de Muxía e na televisión seguíase dicindo que non pasaba nada. Non se podía tolerar. Houbo unha reacción instintiva da xente, de protesta porque pensaban que eramos estúpidas e estúpidos?

Que lembra como máis significativo daquel movemento de protesta?

Lembro moitas cousas. A nivel de universidade estiven moi implicado no movemento Nunca Máis. No meu Campus fixemos moitas actividades e co tempo pensas... como foi posíbel realizar tantas cousas. Se tivera que escoller sería a primeira manifestación de Nunca Máis no Obradoiro, a dos paraugas. Eu non era consciente de que había tanta xente até chegar de novo á Coruña. Logo estivo a imaxe da cantidades de autocarros que saíron da Coruña para ir a Madrid,... foi o nunca visto. Ese día había partido do Depor e os autocarros saían de Catro Camiños e a xente viña despedir aos que marchaban e outra xente a tentar apuntarse para viaxar e non había prazas.

Que opina do xuízo que se está a celebrar na Coruña polo Prestige?

Provócame moita tristeza e indignación. Este tipo de “xuízo-farsa” é unha cousa de cara á galería. Chega tarde e mal. O feito de que teñan que estar responsabilizadas traballador@s, que o fixeron mellor ou peor, mais que o único que facían era o seu traballo e os verdadeiros responsábeis estean, non de rosiñas senón mesmo en postos directos de responsabilidade política... Como Arsenio Fernández de Mesa ou o propio Mariano Rajoy ocupen postos de responsabilidade no Estado, Arias Cañete outra vez no goberno,... que non senten no banco dos acusados di moito da verdadeira natureza deste xuízo e sobre todo do que vai valer. Teño a sensación que vai acabar e imos quedar como estabamos. A costa igual de desprotexida e ningunha garantía real de que isto non vaia volver acontecer.