Frades mobilízase contra o feche de aulas no CPI Ponte Carreira

Concentración en Frades contra o feche de aulas de infantil (Nós Diario).
Máis de medio cento de persoas concentráronse este sábado diante da escola para exixir que non se fechen aulas de infantil.

A comunidade educativa do concello de Frades manifestouse este pasado sábado diante das instalacións do CPI Ponte Carreira en protesta polo feche de aulas de infantil desa escola.

Levando unha faixa coa frase “Non ao peche de aulas no CPI Ponte Carreira. Menos aulas = máis COVID” a mobilización reuniu a máis de medio cento de persoas, entre familias e crianzas.

Ademais, a protesta contou co apoio dos grupos políticos da Corporación Municipal de Frades (PP, PSOE e BNG) e da central sindical CIG-Ensino, representado polo seu secretario nacional, Suso Bermello, e polo seu o secretario nacional de acción sindical e comunicación, Diego Boquete. Tamén acudiu a deputada socialista Belén Rodríguez Rumbo.

“Os centros do rural, os que mellor puideron facer fronte á pandemia reciben como premio inzar as aulas e reducir docente”, chiaba nas redes sociais Suso Bermello desde a propia concentración.

O propio alcalde da localidade, o popular Roberto Rey, solicitou que Consellaría “reconsidere a súa decisión” afirmando que “non estamos a pedir privilexio ningún”.

A iniciativa da protesta partiu das nais e pais afectados e pola asociación de nais e pais (ANPA) O Fopo. Exixen que a Consellería de Cultura, Educación e Universidades mude a súa decisión de xuntar nunha unidade mixta o alumnado de 4º e 5º de Infantil de 18 alumnas e alumnos pola soa ausencia dunha única matrícula para manter o servizo.

Desde a ANPA O Fopo insistían que “nove nenas e nenos dun grupo de 5 anos e outros 9 de 4 anos deberían estar separados basicamente porque no rural o alumnado que empeza non vai ás escolas infantís nin traen uns hábitos adquiridos”. Por este motivo cre que “pode frear o camiño que xa teñen andado os de 5 anos”.