Videoxogos e 'big data' son algúns dos temas

FP contará con 16 novos mestrados para o vindeiro curso académico

Desde a esquerda, Juan Vieites, da CEG, e o conselleiro Román Rodríguez. (Foto: E.P. / Concha Díaz)
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o presidente da Confederación de Empresariado, Juan Vieites, reúnense para botar a andar 16 novos mestrados de Formación Profesional.

A Consellaría de Educación da Xunta vai impulsar unha oferta de 16 mestrados de Formación Profesional (FP) nos que pretende que se aborden áreas de coñecemento como son o desenvolvemento de videoxogos, big data, a intelexicencia artificial ou a ciberseguridade.

A implantación dos novos cursos realizarase no vindeiro período académico.

A decisión fíxose pública logo da xuntanza desta segunda feira, 5 de abril, entre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Confederación de Empresariado da Galiza (CEG), Juan Vieites.

En declaracións aos medios, o conselleiro explicou que o que se busca é especializar a formación en áreas de "amplísima demanda" e, polo tanto, a nova oferta complementará a formación dos ciclos de grao medio e superior.

O estudantado destes mestrados contará con certificación académica e, nalgúns casos, incorporarase un módulo FCT (Formación en Centros de Traballo). Cinco dos cursos xa se están a impartir: "Ciberseguridade nas contornas das TIC", no CIFP Politécnico de Santiago e no Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol; "Dixitalización do mantemento industrial" no CIFP As Mercedes de Lugo; "Cultivos celulares", no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense; e "Fabricación intelixente" no IES Politécnico de Vigo.

Rodríguez destacou a importancia desta iniciativa para favorecer a empregabilidade dos titulados e das tituladas e que a cifra de inserción acada xa 92% no caso da FP Dual.

Por iso, cre "fundamental" traballar "man a man co tecido empresarial", para "estar preparados e dar unha resposta áxil e adecuada aos novos desafíos da sociedade".

O titular de Educación agradeceu o papel dos representantes empresariais e a súa colaboración no caso da FCT e da FP Dual.