Forza común da docencia da Universidade de Vigo para non dar clase na cidade

Vista aérea do Campus das Lagoas. (Foto: Universidade de Vigo)
Unha parte da comunidade educativa, na que está integrado o persoal docente e investigador, rexeita a proposta da Reitoría para trasladar o Campus das Lagoas-Marcosende a diversos edificios da cidade de Vigo.

O Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo que traballa no Campus das Lagoas-Marcosende non quere marchar da localización actual aos edificios do centro de Vigo, tal e como propuxo o reitor. Así o puxo de relevo nun manifesto que xa conta con máis de 600 sinaturas de apoio.

O cadro de persoal recibiu esta idea, que se explicou “nos medios de comunicación e de forma máis superficial á comunidade universitaria”, con “fonda preocupación” por non estar a favor do traslado de centros e titulacións do campus ao centro.

Desde o punto de vista do colectivo, a mudanza viría a debilitar “a Universidade de Vigo, xa que suporía o desmantelamento da actividade docente do campus, afastándoa da investigación, e a separación dos diferentes ámbitos de coñecemento, o que minguaría a calidade da súa oferta formativa e investigadora”.

Así mesmo, a plataforma sostén que a Reitoría non conta cun estudo detallado das necesidades da institución académica para concretar se algunhas se solucionarían co traslado.

Risco financeiro

Parte da comunidade universitaria quere coñecer “con claridade a estimación de custos, as cargas financeiras futuras e os mecanismos que se establecerían para sufragar o enorme gasto asociado”, pois opina que suporía un risco para sustentabilidade económica nos próximos anos.

En consecuencia, a entidade demanda que se paralice a iniciativa de traslado e se abra un debate para que todos os actores implicados poidan opinar. Tamén para que se soliciten aqueles estudos técnicos que poidan achegar luz sobre a idoneidade do cambio.

De feito, no documento distribuído entre toda a comunidade alertan de que os campus de Pontevedra e Ourense non foron informados do plan, mais si sairían “prexudicados polo enorme investimento asociado a este traslado”.

“A Universidade de Vigo, nos seus tres campus, recibe estudantes dunha contorna moito máis ampla que as cidades nas que estes se localizan. Neste sentido, a posición xeográfica do Campus das Lagoas-Marcosende permite unha maior interacción cos concellos que integran a Área Metropolitana de Vigo sumando a necesaria relación coa zona norte de Portugal”, engade a plataforma.

Entre os argumentos que dan para criticar a mudanza, consideran que a ligazón da Universidade coa cidade non pode basearse no traslado de centros e titulacións senón noutro tipo de actividades como “cursos de posgrao e de formación continuada, programación cultural e de divulgación estable...”.

Dúas semanas para opinar

Ante esta contestación social, a institución académica vén de abrir por dúas semanas unha canle para captar opinións do persoal docente e investigador (PDI), o persoal de administración e servizos (PAS) e o alumnado dos centros localizados no campus afectado.

Segundo o reitor, Manuel Reigosa, a proposta xurde “pensando en obter a máxima transparencia e participación, clarexar as opinións ao respecto da impartición de docencia no centro de Vigo”.