As fortes choivas e a falta de medidas fan que as cinzas do incendio do Barbanza cheguen aos ríos e ao mar

O río Lérez, á altura da Pobra do Caramiñal, tinguido de negro. (Foto: Nós Diario)
Algunhas praias da Pobra do Caramiñal e de Boiro apareceron tinguidas de cor negra.

O pasado mes de agosto, un incendio na comarca do Barbanza queimou 2.200 hectáreas de terreo forestal, afectando os concellos da Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro. Un mes despois, as fortes precipitacións desta segunda feira na Galiza arrastraron e seguen arrastrando toneladas de cinza cara ao mar.

Así o denuncia veciñanza de Boiro e da Pobra, que vén como os seus ríos e as súas praias vanse tinguindo de cor negra a medida que a choiva leva consigo os restos deixados polas lapas.

A Consellaría do Mar asegurou na tarde de onte que nin Augas da Galiza nin o servizo de gardacostas da zona recibira notificación algunha de que isto estivese sucedendo. Porén, Nós Diario púxose en contacto cun veciño da zona que confirmou esta información e detallou que, desde o día de onte, a auga dos ríos presenta un estado de turbiedade pola saturación das cinzas arrastradas polas precipitacións.

Polo de agora, as cinzas non avanzaron máis alá dunhas decenas de metros da liña de costa na Pobra en Boiro, pero os bateeiros e mariscadoras da zona ven con preocupación a situación, ante a posibilidade de que as cinzas poidan danar e matar o marisco.

Falta de medidas

Pese a que a Xunta, a través das Consellarías de Medio Rural e de Mar, asegura que levou a cabo medidas como o engadido de palla para evitar que as choivas non arrastrasen a cinza e degradasen o solo forestal, as imaxes e os testemuños de veciñas e veciños do Barbanza mostran que estas medidas foron, cando menos, insuficientes.

Neste sentido, o xeólogo da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) Fins Eirexas explicaba a Nós Diario a importancia de desenvolver diferentes accións “canto antes” para evitar este arrastrado de cinzas.

As chamas teñen un efecto sumamente lesivo no solo forestal, xa que destrúen a súa estrutura compactada e eliminan as propiedades que favorecen a súa rexeneración. “A biodiversidade pode recuperarse en 10, 20 ou 30 anos, dependendo da zona e de cal fose a súa situación antes do incendio”, explicaba Eirexas, “pero para que un solo recupere o seu estado anterior ao paso do lume teñen que pasar centos de anos”.

Aliás, ao destruírse a estrutura que conformaba o solo forestal, despréndense diferentes sedimentos que, arrastrados polas precipitacións, afectan tanto a contorna natural do territorio calcinado como espazos rurais, urbanos e mesmo laborais.

Cinzas no Courel

O pasado 19 de agosto, veciñanza do Courel denunciou que as precipitacións daquela altura arrastraron "toneladas" de cinzas e terra polas ladeiras do Courel, até chegar ás casas e ríos da contorna.

Pese a que a agrupación Courel Vivo compartiu varias imaxes, a Xunta negou que isto tivese lugar, e apuntou que, segundo a información que lle trasladaba o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, "non é certo que se produciran arrastres de toneladas de cinzas no Courel".

"Máis ben ao contrario, a choiva caída estes días contribuirá favorabelmente á recuperación do chan afectado polos incendios forestais", afirmou a Consellaría de Medio Rural.