Fortalezas dos Ancares e da Terra Chá en perigo de derrube inmediato

Torre de Doncos.

Resistiron a enxurrada irmandiña ou o sitio e asalto por parte das tropas castelás dos Reis Católicos ocupadas na doma de Galiza, porén a despreocupación e a falta de atención dos poderes públicos leva camiño de condenar a desaparición definitiva a unha parte relevante do noso patrimonio. A mediados de outubro o alcalde das Nogais desentendíase dunha reclamación de Patrimonio dos Ancares, apoiada por perto de 1000 veciños, no que demandaban unha solución para a torre de Torés. O pasado día 23 a maioría do Partido Popular rexeitaba no Parlamento de Galiza unha iniciativa da deputada  do BNG Olaia Rodil na que solicitaba o arranxo da torre de Caldaloba en Cospeito. Nun caso e noutro, trátanse de elementos dun importante valor arquitectónico, de grande significación histórica e sometidos a protección pola actual lexislación, dada a súa consideración como Bens de interese cultural. Segundo denuncian as entidades en defensa do patrimonio non estamos diante de feitos illados, atopándose nunha  situación semellante outros castelos, torres e fortalezas nas comarcas da Terra Chá e Os Ancares.

O Partido Popular rexeita arranxar as torres de Caldaloba e Torés

O castelo de Torés, construído sobre dun castro e cunha  orixe alto medieval, vai estar vencellada a familia dos Bolaño e Rivadeneira, Pedro de Bolaño, xenro do mariscal intitulábase señor de Torés, até que a finais do século XV é requisada polos Reis Católicos a Álvaro González de Ribadeneira por ter participado na revolta galega e facer parte dos leais a Pardo de Cela. Actualmente é propiedade do ducado de Medinacidelli, estando  cedida por 25 anos ao concello das Nogais quen se nega a acometer as obras necesarias para a súa rehabilitacións, conservando unicamente a torre da antiga edificación. A torre de Caldaloba, tamén unida a resistencia galega contra Castela, e máis concretamente ao cerco e morte da filla de Pardo de Cela Constanza de Castro, só conserva da vella construción unha parte da torre da homenaxe, formada por un planta cuadrangular de grosos muros que acadan uns quince metros de altura e que, segundo as pegadas que fican na edificación, conformaron no seu momento un soto e tres andares.

 

A rede do patrimonio galego sitúa na súa lista vermella outras dúas fortalezas na comarca dos Ancares. Unha delas, a de Doncos situada nas beiras do río Navia ao pé dunha calzada romana no Concello das Nogais, levantada na baixa Idade Media só conserva en pé un muro de peche, un torreón de vixiancia cilíndrico e a torre da homenaxe construída en cachotaría de lousa e perpiaños graníticos que enmarcan portas e ventás, consta de tres plantas e soto, salientando as ameas, unha porta alintelada con arco semicircular e as seteiras. Da primitiva construción tamén se conserva un muro de peche e un torreón de vixilancia cilíndrico. A outra, coñecida como a casa torre de Dumía,  encravada na parroquia de Santo Tomé da Cancelada, concello de Cervantes, foi edificada no século XII conservando da antiga construción unha planta baixa e alta, cunha cerca de pedra calcaria bastante grosa e que constituiría o perímetro da primitiva torre, atopándose na parte alta unha armeira de xisto bastante desgastada, coroada tamén con helmo e viseira.

As torres de Caldaloba, Tores, Ombreiro, Taboi, Doncos e Dumía na lista vermella da rede do patrimonio galega.

As torres de Taboi e de Ombreiro tamén presentan risco de derrube inmediato. A primeira situada en Outeiro de Rei e construída na baixa idade media, só mantén a día de hoxe  unha parte da torre da homenaxe, formada por un planta cuadrangular de grosos muros que acadan uns quince metros de altura, unha porta de acceso que se debía corresponder coa ponte levadiza e no seu parámetro máis alto unha pequena xanela con lintel triangular de granito. A fortaleza está directamente vinculada a rebelión galega do século XV, por ser a casa patrucial de Pedro de Bolaño, xenro e compañeiro de loita de Pardo de Cela e do conde de Lemos e por gardar durante séculos a famosa Relazón da carta executoria, un texto escrito en galego arredor de 1515 por un membro da familia, no que se dá conta das razóns e dos feitos que concorreron na morte de Pardo de Cela.  A torre de Ombreiro, construída no século XVII e propiedade dos márqueses de Ombreiro, atopase no concello de Lugo e só conserva os lenzos dos seus muros, un dos cales foi reaproveitado como parede dunha vivenda.