En marcha a V edición do Foro de Rehabilitación de Rianxo

"As casas normais tamén son patrimonio, non só as igrexas e os monumentos"

O Foro de Rehabilitación de Rianxo cumpre a súa quinta edición co arquitecto Luis Machuca como convidado, Premio de Patrimonio Cultural “Europa Nostra” pola restauración de El Caminito del Rey de Málaga.

Esta sexta feira comeza en Rianxo o V Foro de Rehabilitación, unha cita aberta coa arquitectura onde estarán presentes algúns dos principais referentes da restauración e rehabilitación patrimonial.

 

O Foro de Rehabilitación de Rianxo é o único evento deste tipo en Galiza e nace co obxectivo de concienciar á cidadanía da importancia de recuperar e manter o noso legado arquitectónico, “en lugar de construír máis edificacións novas”, explica Carlos Henrique Fernández Coto, arquitecto e presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e un dos impulsores do Foro.

 

O foro dará comezo esta sexta feira ás 17:00h co arquitecto Carlos Seoane, artífice da Pedra da Rá de Ribeira. “Seoane cambiou unha icona de feísmo por unha paisaxe premiada e apreciada que visita moita xente, non só polas vistas, senón pola propia obra en sí”, conta Fernández Coto. Os ourensanos Alfredo Freixedo e Pedro Diéguez farán o propio a partir das 18:30h cunha charla que xirará arredor da recuperación do patrimonio en ruínas a través da súa experiencia restaurando mosteiros na provincia de Ourense. Ás 19:30h a restauradora Carola Sánchez explicará o seu traballo no campo da recuperación de esgrafiados antigos e revestimentos de cal da Ribeira Sacra, cos que combate o feísmo.

 

As arquitectas Ezcurra e Ouzande abrirán a xornada do sábado ás 10:00h con “Polo miúdo”, seguidas da restauradora Ana Castro Alonso, que falará sobre os últimos achados na Catedral de Santiago, onde traballa a pé de obra. Ás 13:00h Tiago do Vale representará a Portugal cunha intervención sobre intervención patrimonial, entre os que se atopa un proxecto persoal do autor no cal converteu un espigueiro -hórreo, piorno, cabazo...- nun espazo lúdico.

 

"Desde o foro entendemos que a raia non é unha fronteira na arquitectura e na restauración. O pobo portugués coida moito mellor o patrimonio ca nós, temos moito que aprender deles sobre como restaurar e rehabilitar as casas e as cidades”, explica Coto.

 

O arquitecto Pedro de Llano, quen debuxou toda a arquitectura tradicional galega plasmándoa en varios libros, ofrecerá a partir das 17:00h unha conferencia sobre as sensacións e sobre a súa percepción da arquitectura tradicional galega a través dos sentidos. Para iso, de Llano fará uso de elementos como o colmo do centeo das pallozas ou as chocallas co fin de apreciar a arquitectura tradicional a través da percepción sensorial.

 

Ás18:00 o arquitecto Luis de Chuca, gañador do Premio “Europa Nostra” pola súa restauración de El Caminito del Rey de Málaga, explicará o seu traballo na rehabilitación e recuperación desta obra construído entre 1901 e 1905. Este galardón é o máis importante que existe a nivel europeo en materia de patrimonio.

 

Santiago Martínez e Guillermo Rodríguez levarán a cabo a partir das 19:30h o xa tradicional paseo crítico pola vila de Rianxo co alumnado asistente, un percorrido en que se identifican elementos arquitectónicos e patrimoniais a mellorar. Ás 11:30h do domingo, os restauradores farán un obradoiro aberto na praza de Castelao de Rianxo onde as participantes poderán traballar o metal e a pedra.

 

"O Foro de Rehabilitación é un referente tanto para Galiza como para o norte de Portugal e Asturias. A rehabilitación e restauración de construcións é unha vía que está seguindo Portugal e que dá bos resultados inclusive desde o punto de vista turístico. A xente vén a Galiza polo noso patrimonio e pola nosa gastronomía, pero hai que coidalo. As casas normais tamén son patrimonio, non só as igrexas e os monumentos. O patrimonio é un conxunto inseparábel e tirar unha casa é romper ese conxunto”, denuncia Carlos Coto.

 

O custo de inscrición no foro é de 10 euros e pode facerse a través desta ligazón.