O Foro galego de inmigración alerta do "grave perigo" que corren os dereitos d@s migrantes

O colectivo encetou unha campaña para alertar das "agresións" que padecen as persoas migrantes na Galiza e no estado. Ducias de organizacións e persoas a título individual xa se sumaron á campaña. 

 

Félix reside actualmente na Coruña e desde hai 11 anos no Estado español. En situación de irregularidade administrativa sobrevive xunto coa súa compañeira e as crianzas de amb@s vendendo panos de papel nos semáforos. Ao mes paga 340 euros de aluguer máis os gastos. Após verse na obriga de saír da cidade froito das identificacións policiais e mudarse ás aforas, asegura non saber se poderá continuar adiante pois "as persoas sen papeis, na Coruña, non teñen dereitos". 

Na mesma situación atópase Peter. Ao igual que Félix, reside na cidade herculina onde unha ordenanza municipal persegue @s migrantes que venden na rúa, @s que multa por decomiso de mercadoría. "Eu teño case oito multas", explica Peter, que ascenden a 60 euros cada unha. "Non teño cartos para pagar o piso nen para comer, non sei de onde sacarei o diñeiro para pagar as multas", salienta. 

Alertan da perda de dereitos sociais e da persecución policial

Estes son algúns dos testemuños recollidos polo Foro galego de inmigración con motivo da campaña SOS Dereitos das persoas migrantes en grave perigo. Unha acción que pretende sensibilizar a sociedade das consecuencias que están a ter para este colectivo algunhas das mudanzas lexislativas aprobadas ao longo dos últimos anos sob o argumento da crise. 

Desde o Foro galego de inmigración advirten --nun documento base ao que xa se adheriron ducias de organizacións, colectivos sociais e persoas a título individual-- das "agresións silenciosas e silenciadas" que padecen as persoas migrantes. E chaman a se mobilizar polos dereitos de tod@s esta cuarta feira ás 11.00h diante da Subdelegación do goberno (A Coruña). 

Unha concentración a cuarta feira na Coruña exixirá que as administracións garantan os dereitos das persoas migrantes

No texto difundido pola equipa coordenadora da campaña SOS dereitos das persoas migrantes salienta algunhas das principais agresións padecidas por este colectivo. Entre elas a "exclusión sanitaria" daquelas que se atopan en situación irregular e que fican sen un dos "dereitos máis básicos" en termos, din, "constitucionais" e "humanos". E é que após a reforma aprobada polo Ministerio español de sanidade as persoas sen papeis non terán acceso á prestación sanitaria agás en casos de urxencia, ficando, pois, sen tarxeta nen asistencia. 

Asemade, continúa o documento base, o Foro Galego de Inmigración alerta da "multiplicación das redadas racistas". Unha práctica "denunciada e recoñecida polos propios sindicatos policiais" que se manifestan no noso país en forma de "identificacións selectivas en espazos públicos" como prazas, estacións de tren e autobús ou mesmo centros de saúde. Así mesmo, cidades como A Coruña e Lugo aprobaron ordenanzas municipais polas que se persegue e sanciona a venda ambulante. Medidas que atinxen especialmente as persoas migrantes que como Félix ou Peter non teñen outra forma de se buscar a vida. 

Tamén así, o Foro galego de inmigración denuncia na súa campaña os "casos de explotación laboral do colectivo de traballador@s migrantes" e, no concreto, "no ámbito do emprego doméstico". Unha realidade que vén a se sumar aos "recurtes orzamentarios nos servizos sociais e a desaparición práctica dos programas e recursos adicados polas administracións" a este colectivo.