Foro Galego de Inmigración denuncia “agresións policiais” na Coruña a nixerian@s

O colectivo afirma que esta sexta feira produciuse un novo caso e pide ao alcalde coruñés que ofreza explicacións ante uns casos que só poden ser cualificados, aseveran, de racismo

Foro Galego de Inmigración, a Asociación Sen Papeis de A Coruña  e outros colectivos da cidade herculina, ven denunciando dende hai varios meses o que cualifica de “acoso ao que está a someter a Policía Local de A Coruña ao colectivo de persoas migrantes nixerianas residentes na cidade, particularmente aos vendedores ambulantes”.

O Foro afirma que esta sexta feira, 7 de xuño, produciuse “unha intolerable agresión policial a unha persoa de orixe nixerián que desenvolvía esta actividade de venda no Polígono de A Grela, perto do Centro Comercial Marineda City”. 

Actuacións racistas

O Foro afirma, aliás, que “é a segunda agresión deste tipo, tras outra que denunciamos xa no pasado mes de maio”. Por iso, apuntan, “esiximos unha aclaración pública do alcalde de A Coruña, responsábel último destas actuacións violentas e racistas que ven desenvolvendo con este colectivo a policía local”.

Estes colectivos a agrupacións teñen denunciado o aumento do "acoso" aos e ás inmigrantes, nunha dinamica que non se circunscribe somentes á Coruña, senón que tamén se repite noutras cidades de Galiza e do Estado español. Neste sentido, a crise está a ser un terreo abonado para que medren actitudes racistas.