O Foro Galego da Inmigración alerta do “grave perigo” dos dereitos do colectivo de migrantes

.

Coa campaña “Sos dereitos migrantes en grave perigo!” O Foro Galego de Inmigración quere concienciar á sociedade da perda de dereitos das persoas migrantes e as situacións “intolerábeis” que están a padecer. 

Perda de dereitos, aumento de represión e peores condicións de vida é a situación que se atopa o colectivo migrante que chega ao noso país coa idea de buscar un futuro para a súa vida. O Foro da Inmigración alerta de que os acontecementos que se desenvolveron nas fronteiras españolas de Ceuta e Melilla veñen a confirmar denuncias de prácticas violentas por parte da Policía e Garda Civil cunha maior represión sobre o colectivo que viviu alí situacións dramáticas mais que se intensifica non só neses espazos de especial control. Cualifican de “intolerábel” o anuncio do goberno de Mariano Rajoy de efectuar cambios lexislativos que regularicen estas prácticas, de maneira especial, a expulsión inmediata sen garantías legais e actuación que, segundo denunciaron “van en contra dos máis elementais principios democráticos e dos dereitos humanos”. 

A campaña, que conta co apoio de diversas organizacións sociais e política, manifesta a súa oposición tamén á exclusión sanitaria das persoas migrantes en situación irregular e o aumento de situacións de explotación laboral do colectivo , de maneira especial, no emprego doméstico, no agro e no sector pesqueiro. En canto á represión e control, citan a intensificación das redadas racistas e a “persecución sistemática” de migrantes e dentro deles, ao colectivo de vendedores ambulantes. A esta situación súmase o forte recortes dos orzamentos públicos destinados ao colectivo migrantes que afonda tamén no grave empeoramento das súas condicións de vida.