Este sábado en Compostela

O Foro Encrucillada debate sobre escravitudes contemporáneas

A escravitude existe. Máis alá da retórica oficialista e das declaracións de intencións, a explotación laboral, a prostitución e a trata, ou determinadas prácticas de ventres de aluguer indican que o traballo cautivo non despareceu. Sobre estas realidades debaterá o Foro Encrucillada ao longo deste sábado en Santiago de Compostela.
 

"As persoas non son cousas. Iso parece estar claro. Pero a verdade é que non o está", afirman desde Encrucillada, a "revista galega de pensamento cristián" que organiza a xornada, "quen paga manda. E o que cobra obedece".

 

A profesora Carmen Meneses abrirá ás dez e media da mañá o encontro, denominado Corpos escravizados. Escravitudes no século XXI, cunha conferencia arredor da prostitución e a trata no Estado español. A asesora da Valedora do Pobo de Madrid, Elena Arce, centrarase a seguir no máis amplo tema da explotación laboral".

 

Unha mesa redonda será o prato principal da tarde. Nela participarán Lourdes Pazo, da asociación Vagalume e experta en prostitución en Galiza, Mercedes Andrade da asociación Xiara de traballadoras do fogar, e mais a deputada do BNG no Parlamento galego Olalla Rodil. O foro rematará cun recital de poemas a cargo da académica e escritora Marilar Aleixandre.

 

Todas as intervencións serán no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela.