Expertos sinalan "o enorme potencial" do monte galego e avogan por un uso diversificado fronte ao eucalipto

Edelmiro López, coautor do informe xunto a Albino Praza, presentando o documento co director do Foro Económico de Galicia.
O Foro Económico de Galicia presenta 'O monte galego do  século XXI', que avoga por unha "imprescindíbel reforma estrutural na xestión das terras" e pola necesidade de "construír" un novo modelo de explotación con usos diversos e multifuncionais do monte.
 

O informe O monte galego do  século XXI, que avoga por unha "imprescindíbel reforma estrutural na xestión das terras" e pola necesidade de "construír" un novo modelo de explotación con usos diversos e multifuncionais do monte, presentouse na cuarta feira, 30 de setembro, polo director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, e por un dos seus autores, o doutor Edelmiro López, que, xunto ao tamén profesor universitario Albino Prada, coordina este estudo coral asinado por múltiples expertos. 

Entre outras cuestións, o documento recomenda diversificar a explotación do monte. "Partimos de que o monte non é só produción de madeira, non o foi historicamente, non o é hoxe e debe selo menos no futuro", explica Edelmiro López a Nós Diario.

O documento está estruturado en tres partes. A primeira, sinala López, trata precisamente sobre os usos e a produción madeireira, apostando por diversificar as especies forestais e os criterios de xestión, porque actualmente as cotas de madeira concéntranse en até 95% entre eucalipto e piñeiro.

De feito, o traballo sinala a contradición que supón termos case 40% do terreo arborado con frondosas caducifolias (carballos, castiñeiros...) e que só delas saian menos de 5% das cotas de madeira que se producen na Galiza. Estas árbores propias medran de forma natural mais non se lles saca case ningún partido económico e isto implica que crezan de maneira non controlada. 

A segunda parte analiza a produción doutros bens para o mercado cuxo impulso daría variedade de usos ao monte: gandaría extensiva, produción de enerxías renovábeis e mesmo usos turísticos.  

O terceiro capítulo  analiza cuestións ambientais, paisaxísticas e de lecer, "de enorme relevancia e demandadas pola sociedade". 
Ao longo das páxinas, o documento avoga pola "recuperación, a través de mecanismos fiscais, de rendas procedentes das concesións hidroeléctricas ou eólicas, para revertelas en investimentos produtivos e de protección nas terra de monte".

Para iso exponse a oportunidade de contar cun fondo forestal ou fondo de promoción dun monte sostíbel, "que debería ser xestionado en principio pola Xunta, podendo contar coa implicación dos concellos e outras entidades".

Para o monte particular con potencial agrogandeiro, no documento apóstase por unha reforma da normativa sobre arrendamentos rústicos, pola "reactivación" do Banco de Terras, impulsar a fórmula dos polígonos agroforestais, modificar os apoios aos investimentos das explotacións agrarias e utilizar os pagos agroambientais e outras axudas para estimular esa reorientación produtiva.

Montes veciñais 

O estudo analiza a situación dos montes veciñais en man común, para os que require un novo marco legal que, "consolidando a propiedade veciñal, favoreza en maior medida a posta en produción das terras". Así, piden unha reforma da política de convenios e consorcios, para que "a intervención directa da Xunta se centre nos montes abandonados ou con maiores valores ambientais a protexer", e medidas específicas para os abandonados coa "implicación" do Banco de Terras. "Moitas veces o monte é visto máis como un problema que como unha oportunidade, cando ten un enorme potencial", sinálase. 

Catro directrices para unha reforma de fondo do monte

Os autores do informe propoñen catro directrices para o desenvolvemento da transformación do monte.

A primeira pasa por unha ordenación efectiva do solo. A segunda sinala a necesidade de configurar un novo equilibrio entre propietarios e usuarios das terras, que priorice os proxectos de aproveitamento, acordes coa ordenación dos usos, fronte aos dereitos de propiedade.

A terceira directriz avoga pola coherencia das distintas políticas públicas, "corrixindo a fragmentación e contradición entre políticas sectoriais".

A última, dado que a maioría das terras de monte son de propiedade privada, remarca que a súa mellora debe ser protagonizada pola iniciativa privada. "Pero isto", engade o documento, "terá que acompañarse dunha xestión pública directa de determinadas superficies".