"O déficit de acceso das vítimas da violencia machista aos recursos é inmenso", advirte a xuíza Paz Filgueira

Rueda, cos presidentes do Consello da Avogacía Galega, Ramón Jáudenes (esquerda), e do Consello Galego dos Procuradores, Fernando González-Concheiro.
A Xunta asina senllos convenios de colaboración co Consello da Avogacía Galega e co Consello Galego dos Procuradores para desenvolver accións formativas especializadas na atención a mulleres e menores vítimas da violencia de xénero.

O acordo de colaboración prodúcese no marco das axudas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. No acto de sinatura, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou “a necesidade de que as vítimas da violencia de xénero se sintan apoiadas e acompañadas por profesionais como avogados ou procuradores cando recorren ao sistema xudicial” e destacou “a importancia de que amplíen a súa formación para ofrecer ás mulleres que sofren violencia de xénero e aos seus fillos unha atención máis especializada”.

Segundo informa o Goberno galego, a formación incluirá módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras e aspectos psicolóxicos e sociais. Contará con material informativo e de sensibilización a prol da detección e a eliminación da violencia de xénero; e con persoal técnico especializado a disposición de avogados e procuradores para coordinar seminarios, xornadas, conferencias, coloquios ou calquera outra actividade que organicen ao abeiro deste convenio.

En declaracións a Sermos Galiza, Paz Filgueira, maxistrada do Xulgado de Familia de Vigo e empregada no Xulgado de Violencia sobre a Muller da mesma cidade durante sete anos, asegura que este concerto é un avance.

“Desde febreiro de 2013, data da reforma da Lei de asistencia xurídica gratuíta, as mulleres vítimas de violencia de xénero e os menores ao seu cargo, teñen que ter asistencia letrada gratuíta, independentemente dos seus ingresos”. A consecuencia máis lóxica, di, é que “a Xunta de Galiza, que é quen paga integramente a quenda de oficio, vele porque o persoal que a integra estea formado e especializado. De feito, non podes formar parte da quenda específica de violencia se non tes un curso de formación”.

Acceso igualitario aos recursos xurídicos

Tendo en conta que o convenio de colaboración corre a cargo dos orzamentos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a maxistrada lembra que “a Galiza correspóndelle un plus de orzamento por motivos de dispersión xeográfica”, o que debería traducirse nunha redución das diferenzas existentes entre as cidades e as zonas do rural. “Se os recursos se concentran nas grandes urbes temos un grave problema de repartición. A dotación de recursos débese facer de tal xeito que sexan accesíbeis por igual, independentemente de se vives nunha cidade ou en calquera concello do ámbito rural”.

Segundo Paz Filgueira, a falta de Goberno no Estado mantén en suspenso reformas lexislativas necesarias para levar adiante outras moitas cláusulas pendentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, en vigor desde 2017. Neste sentido, sinala dúas medidas urxentes recollidas nese texto: o estudo e comarcalización dos xulgados de violencia especializados; e reformas arquitectónicas que doten de elementos indispensábeis para a administración da xustiza como poden ser as Cámaras Gesell, “estruturas específicas con peritos especializados que permiten visualizar que sucede cos menores en todo tipo de delitos, tamén en casos de violencia. Tomarlle declaración a un menor é unha tortura terríbel, por iso son necesarios, e sono non só nas cidades”, as únicas para as que, de momento, se contemplan estas estancias. “O déficit de acceso ao recursos é inmenso e cómpre progresar”.