“Fóra vai frío, mais un sentimento entibia a alma”: os zapatistas chegan a Galiza

O barco zapatista fronte ás costas galegas (Foto: Enlace zapatista)

O Escuadrón 421 do EZNL, que atravesa o océano Atlántico no veleiro 'La Montaña', recalou este domingo en augas galegas e fondean fronte a Baiona.

O navío fondeou na baía de Baiona, Galiza, Estado Español, Europa.  De aí queda perto, “a tiro de pedra”, a xeografía chamada Portugal, e un pouco ao norte avístase Vigo.   Todas ben de saúde.  Por cuestións de papeleo e etcétera,’LaA Montaña’ e o Escuadrón 421 permanecerán aquí até,  tentativamente, o día terza feira 22 ás 17 horas –data e hora de Vigo-, en que se fará o desembarco.  A Garda Civil do Estado Español abordou a nave, tomou os datos da tripulación e pasaxeiros, revisou os pasaportes e realizou o recoñecemento de rutina.  Sen novidade.  Condicións climatolóxicas: nubrado, choivas lixeiras pero frecuentes, 15 graos centígrados”.

Esta entrada o domingo pola tarde en ‘Enlace zapatista’, o caderno de bitácora da delegación zapatista que viaxa desde principios de maio a bordo do veleiro rebelde ‘La Montaña’, anunciaba que os zapatistas xa están na Galiza. “Fóra vai frío, mais dentro, na xeografía do corazón, algo como un sentimento  entibia a alma”, anotaban nse caderno para agradecer a recibida que se lles estaban brindando desde terra, onde ducias de solidarios saudaban a chegada da nave.

“Caldo galego, empanada galega e xoubas”, relambían a bordo de ‘La Montaña’ co menú que albiscaban desde o barco.

O pasado 3 de maio partiu da costa mexicana o veleiro La Montaña, cuxa tripulación conforman sete activistas do Escuadrón 421 do Exército Zapatista para a Liberación Nacional (EZLN), rumbo a Europa para levar a súa "Xira pola Vida" a 30 cidades do vello continente.

Manuel Roxo, do colectivo Pallasos en Rebeldía e un dos compoñentes da asemblea que prepara a benvida ás zapatistas, indicaba estes días a Nós Diario que a visita do Escuadrón 421 é un "fito histórico", xa que se trata da primeira visita das e dos indíxenas zapatistas ao lugar "que os libros din que os descubriu", pero máis ben "os espoliou".

"Temos moito que aprender delas"

O activista galego sinala esta experiencia como "unha grande aprendizaxe" sobre a causa zapatista da que, afirma, a esquerda europea ten moito que aprender: "Traen moitas mensaxes anticapitalistas e reflexións sobre o sistema que estamos a crear, deshumanizante, pouco comunitario e pouco cooperativo. Veñen darnos unha lección desde a selva Lacandona, porque nós crémonos desde aquí moi alternativas e moi de esquerdas, mais as compañeiras zapatistas dinnos 'reaccionade, empezade de novo', porque hai moitas pequenas loitas que nós non atendemos", sostén.