Chaman a protestar contra a participación de Israel na Volta ciclista ao seu paso pola Galiza
Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina chaman a todos os colectivos, asociacións e movementos sociais a sumarse á mobilización convocada durante as etapas da Volta, que pasará pola Galiza do 7 ao 10 de setembro.
As accións en solidariedade co pobo palestino e contra participación do equipo isralí Israel Premier Tech na Volta ciclista son xa habituais en cada unha das etapas. Para a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, unha "nova normalización do xenocidio en Palestina e un apoio explícito ao agresor".
O Estado de Israel, denuncia o colectivo nun comunicado, "leva décadas empregando o deporte, a música e a cultura para edulcorar a súa imaxe e aparentar normalidade". Denuncian que, o que chaman "a única democracia de Oriente Medio" é, "en realidade, un Estado construído sobre a ocupación sistemática da terra palestina en base a criterios relixiosos e étnicos, mentres a poboación autóctona é masacrada, expulsada e privada dos dereitos fundamentais nun réxime de apartheid, sostido polos Estados Unidos, a Unión Europea e outros gobernos occidentais".
Nos últimos dous anos, case 70.000 persoas foron asasinadas e milleiros máis feridas e mutiladas. Israel destrúe vivendas e terreos de cultivo, bombardea hospitais, despraza masivamente comunidades enteiras, asasina xornalistas e impide a entrada de alimentos e medicamentos para empregar a fame como arma de guerra. "Esa é a verdadeira marca Israel, que non pode disfrazarse cos valores do deporte", alertan desde a Coordenadora.
A equipa Israel Premier Tech, fundada por magnates sionistas como Ron Baron e Sylvan Adams, está directamente patrocinada polo Estado de Israel "como parte das súas campañas de lavado de imaxe internacional". A Volta ciclista, aceptando esta participación, "ten as mans manchadas de sangue palestino".
O paso da Volta pola Galiza
Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina chaman a todos os colectivos, asociacións e movementos sociais a sumarse á mobilización convocada durante as etapas da Volta, que pasará pola Galiza do 7 ao 10 de setembro. Concretamente, nas etapas 15 a 17. O 7 de setembro partirá da Veiga até Monforte de Lemos; o 9 de setembro, os ciclistas marcharán de Poio (comarca de Pontevedra) a Mos (comarca de Vigo); e o 10 de setembro sairán do país polo Barco de Valdeorras.
Segundo a Convención Internacional contra o Apartheid no Deporte, os estados que manteñen políticas de segregación e opresión sistemática non deben participar en eventos internacionais. "Igual que se boicoteou á Sudáfrica racista, hoxe toca berrar alto e claro: Fóra Israel do deporte internacional!".
"Non no noso nome. Non aceptamos que se empregue o ciclismo nin o diñeiro público para normalizar a limpeza étnica e a ocupación ilegal", conclúe o comunicado.