Fóra a cota empresarial: 40 anos da asemblea labrega de Lugo

De esquerda a dereita: Leopoldo López Rego, Arturo Bodelón, Bernardo Requeixo, Xesús Trigo, Emilio López Pérez, Marían Fernández, Aristobulo Quinteiro e Xosé Lois Ledo. 26 de Novembro de 1977. Fundación A Nosa Terra.

O 26 de novembro de 1977, arredor de 15.000 labregos procedentes de toda Galiza,  xuntáronse no pavillón dos deportes de Lugo para decidir as accións a seguir na loita contra a cota empresarial agraria.

O 26 de novembro de 1977, arredor de 15.000 labregos procedentes de toda Galiza,  xuntáronse no pavillón dos deportes de Lugo para decidir as accións a seguir na loita contra a cota empresarial agraria. A convocatoria coincidía co remate do prazo voluntario para liquidar o tributo e viña marcada pola negativa de miles de persoas a pagar o imposto, entrando o conflito nunha nova fase, definida pola desobediencia civil e a insubmisión fiscal. A mesa da asemblea, conformada por unha delegación do secretariado das Comisións Labregas, sindicato agrario que estaba a dirixir as protestas, abriu paso as intervencións, de Arturo Bodelón, Emilio López “Milucho”, Aristobulo Quinteiro “ O Tobo”, Xesús Trigo, Xosé Luís Ledo, Leopoldo López Rego e Bernardo Requeixo. López Rego, avogado e membro dos CALL informou sobre os aspectos legais da cota empresarial, Ledo, responsábel  da comisión do rural da UPG incidiu nos aspectos técnicos e políticos das accións a levar adiante e Requeixo, secretario xeral das Comisións Labregas, someteu a votación a táboa reivindicativa, onde se aproba por unanimidade continuar a non satisfacer o  imposto e convocar unha tractorada para o 3, 4 e 5 de decembro. Fechou a quenda de palabra Ramón Muñiz, en representación do Comité Executivo da UPG, quen denunciou o réxime autonómico e a proposta de reforma constitucional. A xuntanza rematou cunha intervención de ventrilocuoxía do mago Antón acompañado do seu inseparábel boneco Facundo e unha resolución de apoio á legalización da UPG e da ANPG, acordada á unha polos presentes.

A asemblea agraria de Lugo contextualizase no novo escenario que se abre na loita contra a cota empresarial após o chamado das Comisións Labregas a non pagar

A asemblea agraria de Lugo contextualizase no novo escenario que se abre na loita contra a cota empresarial após o chamado das Comisións Labregas a non pagar. A oposición a este imposto, que fixaba de facto unha dupla tributación para os labregos obrigándoos a cotizar como se fosen latifundistas, arranca do mesmo momento en que o nacionalismo volve actuar de xeito organizado no agro. Porén non será até comezos do mes de setembro, tras unha campaña de axitación na que se evidenciou a negativa dos labregos a seguir cumprindo co imposto e que rematou cunha manifestación na cidade de Lugo de 4000 persoas, cando secretariado de zona da organización agraria traslade a sociedade a voz de orde  de non pagar. A primeira proba de lume viviuse o 2 de outubro en Triacastela, concello onde se iniciaba a cobranza voluntaria, negándose a totalidade dos veciños a non efectuar o pago, tendo continuidade nos días seguinte  con idéntico resultado  en Cervantes, Guitiriz e Palas de Rei. Xa nada sería igual na historia das loitas agrarias en Galiza, a campaña estendese ao longo e ancho do país, imponse a insubmisión como forma de loita e as Comisións Labregas dan o seu salto para converterse nunha verdadeira organización de masas.

A primeira proba de lume viviuse o 2 de outubro en Triacastela, concello onde se iniciaba a cobranza voluntaria, negándose a totalidade dos veciños a non efectuar o pago

A  finais do mes de novembro de 1977, unha vez rematado o período de ingreso voluntario, eran milleiros os labregos que decidiran non pagar en Galiza. Segundo os dados manexados pola comisión do rural da UPG, organismo deste partido  que xogou un papel decisivo  na dirección e orientación do conflito, naquela altura  un 90%  do censo de Lugo non pagara, un 70% d´A Coruña e arredor dun 40% en Ourense e Pontevedra, porcentaxe inferior a das outras provincias pero significativa, se atendemos aos  riscos que se derivaban da decisión. Á vista da dimensión tomada polo conflito, o goberno fechado até o momento a ningún tipo de diálogo, convoca a finais de outubro aos representantes  do sindicato, amosando o xefe da división agraria de Galiza e os responsábeis das delegacións provinciais a vontade de favorecer un encontro co ministro de agricultura, de poñerse en contacto cos outros organismos públicos competentes na materia e chegando a expresar, a título persoal, o carácter inxusto deste imposto que representaba o 25% da cotización total. Habería que agardar anos e pasar moitas xornadas de protesta e mobilización até que o goberno do estado procedese a suprimir a cota empresarial agraria, iniciados xa os anos 90.

 

Foi un fito na historia da loita social e política de Galiza. A masiva participación na asemblea, parte dos asistentes tiveron que seguila desde fora do pavillón e a propia prensa local falaba dun ambiente na cidade propio dun San Froilán, non só evidenciou o salto cuantitativo das Comisións Labregas e da estrutura do nacionalismo no agro, senón que reforzou a unidade dos labregos servindo para convencer e ofrecer certezas  a aqueles sectores que tiñan dúbida de sumarse á protesta. Ao tempo serviu para visualizar, dimensionar e situar no primeiro plano da axenda publica, presentándoa en sociedade como unha demanda que escapaba o ámbito local, isto é as areas agrarias, ou sectorial, circunscrita ao mundo labrego, e aparecendo como un problema  da totalidade do país, tanto polo porcentaxe de poboación directamente afectada como por derivarse dunha lexislación exportada que non tiña en conta a realidade do noso campo. O éxito da xuntanza do 26 de novembro testaríase de xeito definitivo nas protestas que a seguiron nas semanas seguintes, a comezar pola tractorada en toda a nación do 3,4 5 de decembro, a continuar polo boicot ás feiras das últimas semanas dese mesmo mes e a rematar pola resposta de negociación do goberno, co seu intento de introducir mudanzas na aplicación e na forma do tributo.