A Fondo: Xénero, Museos, Arte e Educación

O monográfico desta semana, xa á venda na loxa, dedícalle as oito páxinas ao III Congreso de Xénero, Museos, Arte e Educación, organizado pola Rede Museística de Lugo, unha iniciativa que xurdiu como espazo de diálogo e cohesión intercultural.

Experiencias, reflexións e boas prácticas sobre o xénero no ámbito artístico e pedagóxico centran o A Fondo desta semana que publicamos con motivo do III Congreso de Xénero, Museos, Arte e Educación, organizado pola Rede Museística de Lugo (Deputación de Lugo).

En “Rosalía, por unha estranxeira non galegofalante”, Kathleen March, filóloga e catedrática na Universidade de Maine (EUA), expón que o feito de cuestionar nos leva a ler e reler a obra de Rosalía e “iso necesariamente leva a coñecer as contemporáneas e devanceiras dela”. “O estudo de Rosalía subliña a relación xénero-nación, fainos cuestionar o concepto de periferia, obríganos a reformular conceptos como o sentimentalismo...”, engade.

Tamén escribe neste A Fondo Paula Cabaleiro, artista plástica, comisaria de exposicións e xestora cultural, quen entende a cultura como eido no que construír posibilidades e no que posibilitar soños.  Na peza, Paula Cabaleiro dá conta das desigualdade no mundo da arte e de iniciativas que naceron para rachar co patriarcado na arte e para visibilizar as mulleres.

As páxinas centrais do monográfico destínanse á entrevista de Xosé Ferreiro, delegado da Área de Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística, Artesanía e Deseño. Explica nesta conversa o traballo transversal da área de Cultura no eido da igualdade e os logros e retos que se marca á fronte do departamento. Advirte de que de desaparecer Cultura no seo da Deputación, a programación cultural institucional desaparecía”.

“De verdade son activista?” é a información que escribe Marta Rodríguez Engroba, presidenta da asociación contra a violencia de xénero Si, hai saída. Narra a súa experiencia e como decidiu poñerse á fronte dunha entidade para loitar contra o terror que ela sufriu.

Goretti Sanmartín, escritora, filóloga e académica correspondente da Academia, é autora de “A transgresión da lingua atravesada pola perspectiva de xénero. Fragmentos inconexos de certezas”. Trátase dun texto no que aborda o terrorismo machista e a linguaxe a respeito da igualdade.

Fechamos este A Fondo coa peza de Anxela Caramés sobre “As prácticas curatoriais feministas realizadas no Estado español desde os noventa”. Defende que as citadas prácticas “inspíranse nos modos horizontais de facer feministas, que supoñen uns límites máis fluídos na relación entre comisaria e artista”.

O semanario no que publicamos este A Fondo xa está á venda na loxa.