Un monográfico de 16 páxinas

A Fondo: É tempo de entroido, é tempo de festa!

Boteiros, fulións, cigarróns e pantallas toman o A Fondo, o caderno de análise, desta semana. Dezaseis páxinas adicadas ao entroido galego que acompañan o número 188 do semanario Sermos Galiza. Felipe-Senén, Federico Cocho, Laura R. Cuba, Tamara M. Pastoriza, Flavia Carou e Felipe Castro López achégannos un bocado desta festa ancestral, que mantén tradicións ao tempo que atopa novas formas de celebración na Galiza contemporánea.

As raíces antropolóxicas do entroido, a súa natureza estacional ou a purga colectiva. Todos estes temas son abordados por Felipe-Senén en Entrar no entroido galego, unha introdución a unha das festas mais características do noso país. O Afondo188 apresenta unha viaxe pola xeografía galega: desde o Carballiño a Vilaboa, as máscaras, tradicións e músicas ilustran un Carnaval propio.

 

Após este inicio, o xornalista e grande especialista no entroido galego, Federico Cocho, despeza esta celebración en A gran festa da risa. No seu texto, Cocho amosa a evolución que experimentou esta tradición tanto en zonas rurais como urbanas, así como a súa adaptación aos novos tempos dunha festa identitaria.

 

Laura R. Cuba apresenta unha achega sobre os entroidos de Viana do Bolo e de Verín, puntos chave do carnaval ourensán. Outros epicentros da festa son os de Manzaneda e da Limia, que fan presenza neste número da man da xornalista Tamara M. Pastoriza

 

Ademais disto, F, Carou trae ás páxinas do A Fondo un anaco do entroido de Cobres, parroquia do concello de Vilaboa, e outro do de Mazaricos, característico polo seu Exército de Panos. Por último, o Oso de Salcedo tamén se fai sitio neste caderno grazas á aportación de Felipe Castro López, co seu artigo O entroido de Salcedo, a rebeldía dun pobo.