Á venda na loxa

A Fondo: Lembramos Xosé Chao Rego

Xosé Chao Rego protagoniza a nova entrega do A Fondo que publicamos no Sermos Galiza 187. Coordinado por Alfonso Blanco, neste número escriben Xaquín Campo Freire, Helena Villar Janeiro, Beatriz García Turnes, Moncho Paz, Baldomero Iglesias, Daniel López Muñoz e Xabi Blanco.

A piques de se cumpriren catro meses desde o seu pasamento, publicamos un A Fondo dedicado á figura de Xosé Chao Rego (1932-2015). Os seus amigos e amigas recuperan a súa pegada a modo de homenaxe ao máis prolífico teólogo e antropólogo que deu Galiza.

O monográfico abre co artigo de Xaquín Campo Freire, que repasa a etapa de Xosé Chao Rego en Ferrol e os fitos principais do seu labor, como son a participación no impulso de Encrucillada ou de Irimia, nos coloquios europeos de parroquias ou no grupo “Boa Nova”.

En “Pepe Chao, mestre”, Beatriz García Turnes, profesora de Lingua e literatura galega, comparte coas lectoras e lectores os retallos das clases de Lingua e Literatura con Pepe Chao no IES Rosalía de Castro de Compostela.

A escritora Helena Villar escribe neste A Fondo un artigo sobre o compromiso “insubornábel” de Chao Rego co seu pobo. A modo de homenaxe, recupera a importancia da obra Eu renazo galego e dos estudos sobre Prisciliano.

A entrevista deste número consiste nunha conversa do xornalista Moncho Paz con Ramón Chao Rego, quen lembra a figura do seu irmán desde a infancia, pasando pola etapa en Ferrol até o afianzamento do seu compromiso con Galiza.

“Pepe Chao na causa da dignidade” é a peza asinada por Baldomero Iglesias “Mero”, quen nos narra a súa amizade con Pepe Chao e revela o seu traballo por facer realidade a liberación das clases populares nun pobo que se reivindique a si mesmo.

O sociólogo Daniel López Muñoz ofrécenos o achegamento en perspectiva política a Pepe Chao. E en “Letanías de gratitude a Pepe Chao”, Xabi Blanco, licenciado en Pastoral Xuvenil e Catequética, agradécelle ao protagonista deste A Fondo o seu labor na igrexa galega e universal.

[Este A Fondo xa está á venda na loxa]