COORDINA HENRIQUE COSTAS

A Fondo: o galego no Val do Ellas

O A Fondo deste Sermos 184 debrúzase sobre o galego no Val do Ellas, tamén chamado Val de Xálima ou os Tres Lugaris. Nesta zona de Estremadura existen tres concellos onde se falan unhas variedades derivadas da nosa lingua chamadas alí valverdeiro, lagarteiro e mañego.

O A Fondo desta semana, xa dispoñíbel na loxa, debulla as características do galego que se fala nun recanto noroccidental de Cáceres, no Val do Ellas ou Val do Xálima. En tres Concellos desta provincia, Valverde, San Martiño de Trebello e nas Ellas, emprégase A Fala –tamén coñecida cos nomes de xalimego ou valego- unha variedade derivada do galego. Así, en Valverde falan valverdeiro, nas Ellas, lagarteiro e en San Martiño, mañego. O 90% dos 5.000 habitantes destes Tres Lugaris empregan a diario algunha destas variedades.

O monográfico está coordinado por Henrique Costas, director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e especialista en sociolingüística e dialectoloxía das falas exteriores do galego. Publicou unha trintena de libros e artigos especializados sobre A Fala do Val do Ellas. O propio Costas advirte na contracapa do caderno que o “valego debería ser obxecto de especial respecto e protección”, mais lamenta que “non o é en absoluto”.

Costas sinala que “non se adoptou ningunha medida de protección por parte das autoridades españolas e estremeñas. De pouco valeu a etérea declaración da “Fala” como Ben de Interese Cultural en 2001 por parte do goberno estremeño porque en 2011 os parlamentarios estremeños rexeitaron unha emenda do BNG para que na reforma do Estatuto de Estremadura o portugués de Olivença e “A Fala”(sic) fosen recoñecidos sequera como “riqueza lingüística de Estremadura”.

Os colaboradores e colaboradoras deste A Fondo son Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica da USC, director do Arquivo do Galego Oral do ILG e académico da RAG; Juan M. Carrasco González, catedrático de Filoloxía Portuguesa da Universidade de Cáceres que ten investigado e publicado diversos artigos sobre as falas portuguesas e galego-portuguesas de Estremadura; Alicia Manso Flores, filóloga valverdeira doutoranda na Universidade de Extremadura que ten defendido traballos sobre o valverdeiro en congresos e revistas especializadas, e Rita Pereira, filóloga catalá con ascendencia mañega autora de artigos sobre o valego no diario dixital sierradegatadigital.com.

O debate sobre a normativa da Fala é un dos temas que inclúe o A Fondo

Ademais de ofrecer unha visión completa arredor da creación da Fala e da súa situación actual, o A Fondo inclúe artigos do Grupo Xálima e da Asociación A Nosa Fala sobre cal debería ser a normativa a adoptar polo galego, un debate no que tamén dá a súa visión a citada Rita Pereira.

Entrevista con Domingos Frades, correspondente da RAG no Val do Ellas

O A Fondo tamén incorpora unha entrevista de Tamara Flores, lingüista mañega licenciada en Filoloxía pola Universidade de Salamanca que imparte cursos sobre a Fala na Escola Oficial de Idiomas de Cáceres, a Domingos Frades, poeta, investigador e historiador mañego, fundador da asociación Fala i Cultura –entidade que promove a preservación da lingua, da cultura, do patrimonio e da historia dos Tres Lugaris- e correspondente da RAG para o Val do Ellas. 

Domingos Frades expón na entrevista a necesidade de estabelecer unha normativa da Fala: “unha norma é necesaria. Mentres non a haxa, non se pode pretender un recoñecemento como lingua minoritaria”, defende.