Un fondo francés toma os mandos no Hospital Álvaro Cunqueiro

Vista dunha parte do centro hospitalario Álvaro Cunqueiro. (Foto: Nós Diario)

Compra a parte de Acciona no complexo hospitalario.

 

Acciona atinxiu un acordo para vender a Meridiam e á súa xestora de investimentos Bestinver as súas participacións en oito activos en concesión no Estado español, entre eles o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), unha operación global valorada en 484 millóns de euros (357 millóns polo valor das participacións e 127 millóns pola débeda asociada).

Acciona tiña o 43,33 % da Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, cun capital social de 13,9 millóns de euros.

Meridiam é un investidor e xestor de activos global con sede en París especializado no desenvolvemento, financiamento e xestión de proxectos de infraestrutura pública a longo prazo. Fundada en 2005, Meridiam inviste en infraestruturas públicas en Europa, América do Norte e África.

Meridiam, con oficinas en oito países (Francia, Luxemburgo, Estados Unidos, Canadá, Turquía, Senegal, Austria e Etiopía), xestiona 6.200 millóns de euros de activos e até o momento investiu en máis de 62 proxectos de transporte, construción e servizos públicos. 

Non é o primeiro movemento deste estilo en torno ao HAC.

En xuño de 2019 un fondo de Luxemburgo, River Rock, compraba á banca o 16,67% do hospital, un hospital que os Gobernos de Núñez Feixoo apostaron por construír en base a unha colaboración público-privada

Nunha entrevista en Sermos Galiza en 2016, o avogado e economista Antón Beiras xa advertía que o HAC era un hospital privado: "É propiedade da sociedade concesionaria, que o explota durante un prazo de 20 anos arrendándoo mediante un canon anual ao Sergas. O hospital está no balance da concesionaria e está fóra das contas públicas da Xunta".