Coordina Adrián R. Bravo

A Fondo: A diversidade funcional na Galiza

No monográfico desta semana tratamos a realidade da diversidade funcional na Galiza, un traballo coordinado por Adrián R. Bravo, que nos leva a coñecer o labor que realizan diversas entidades e colectivos no país.

Actuar e buscar a mellora na calidade de vida das persoas con diversidade funcional na Galiza é un dos obxectivos cos que xermolou o A Fondo que publicamos no Sermos Galiza 188. É este un monográfico coordinado polo técnico en Animación Sociolocultural Autismo Vigo Adrián R. Bravo.

O caderno comeza co artigo Capacidade-estado transitorio da vida, unha peza que asina Esther Medraño González, do Centro de Atención Temprana Vínculo. A autora sinala que non deberiamos permitir que as persoas con diversidade funcional e as súas familias soñen con ser aceptadas e con formar parte da sociedade, pois ese é o seu dereito.

En Autodeterminación e calidade de vida, María Teresa Lagos, psicopedagoga e a directora do C. Cangas da Asociación Juan XXIII, afirma que presentamos como actores secundarios os que deberían ser actores principais das súas vidas. Entende a autodeterminación como un proceso polo que as persoas vamos adquirindo as habilidades e desenvolvendo as actitudes que nos permiten ser protagonistas do que sucede nas nosas vidas.

Neste número, Cristian López e Adrián R. Bravo entrevistan Eladio Fernández Pérez, que preside desde 2011 a Federación de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (Fademga). Referencia no traballo con persoas con discapacidade intelectual, Eladio Fernández explica os retos da Federación e advirte de que os recortes están forzando as entidades a prestar un servizo precario.

En O emprego… para que?, a preparadora laboral de ACEESCA Ana Rodríguez dá conta da importancia de que as persoas con diversidade funcional poidan desenvolver un traballo remunerado. Neste artigo expón exemplos de integración laboral e pide que traballo e discapacidade deixen de ser noticia e formen parte da realidade.

A vida independente é o artigo que asina Rebeca Sevilla, a coordinadora da Rede de Vivendas con Apoio BATA. Recupera neste texto o testemuño dunha persoa adulta con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), que nos describe o seu día a día e a experiencia de compartir vivenda.

En Envellecemento e futuro das persoas con discapacidade, Cipriano Luis Jiménez Casas, psiquiatra e psicanalista, escribe sobre as persoas con discapacidade envellecida e advirte de que na medida do posíbel deberían envellecer no seu medio, onde se atopen os seus vínculos. O autor desta peza é tamén director Xeral da Fundación Menela.

Fechamos este A Fondo coa conclusión que nos achega Adrián R. Bravo, que chama a empoderarse para avanzar.

 

[Este A Fondo xa está dispoñíbel, xunto ao Sermos Galiza 188, na loxa]