Xaquín Rubido, Xocas

“Fomos quen de marcarlle o paso ao poder político”

Xaquín Rubido (Foto: O Cruceiro de Meá)

Foi un dos rostros de Nunca Máis, plataforma de cuxa xestora foi un dos voceiros. Estivo no nacemento deste movemento desde a experiencia que lle daba o traballo e compromiso na PDRA, a Plataforma en defensa da Ría de Arousa. Teno claro: “Nunca Máis supuxo a toma de conciencia do pobo galego de que era quen de organizarse e responder a unha agresión”

 

 

-Onde estabas cando afundiu o Prestige? Como lembras que se viviron aqueles primeiros momentos?

 

-Eu vivía en Vilaxoán, na Ría de Arousa. Entereime do que estaba a pasar por xente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa [PDRA, colectivo que integraba traballadores do mar, colectivos sociais e veciñais]. Convocamos unha reunión urxente, lembro que había unha gran alarma. A PDRA fóramos a unha reunión que convocara o daquela conselleiro de Pesca, López Veiga, na Confraría do Grove e onde el argumentaba que non había perigo ningún, que estaba todo controlado, que o fuel non ía chegar á Ría de Arousa. Nós preguntámoslle en que se baseaba para falar así, porque todo indicaba que iso non era certo. A charla que foi dar alí López Veiga era con esa intención, vender que non facía falla preocuparse. En poucas horas demostrouse que era mentira.

 

Entón unha das accións que decidimos na Plataforma foi a de facer unha acampada en Vilaxoán, fronte ao que daquela era o Centro de control do medio mariño da Xunta [actual Intecmar], para denunciar esa actitude da Xunta. Alí estiveron tamén as mariscadoras. Reclamabamos un plan de actuación, un plan de emerxencia, que nos informasen de que pensaban facer, como ían actuar. Pasaron amplamente, na súa liña de transparencia cero, de democracia cero. Todo sucedía como unha voráxine, a un ritmo de vertixe.

 

Era a primeira vez en moito tempo que se facía na nosa terra un movemento destas características, un movemento tan masivo e que era de abaixo arriba

-Como foron eses primeiros momentos de nacemento de Nunca Máis? Como se orixinou?

-Houbo unha xuntanza en réxime de auto-convocatoria que se fixo en Compostela, aberta a todos os colectivos de Galiza. Alí configurouse unha plataforma cunha comisión xestora, Nunca Máis. E aí comezou a andar, convocando a manifestación do 2 de decembro, que fora brutal, cunha afluencia de xente masiva.

 

-Co paso dos anos Nunca Máis convertouse un nome case referencial, unha icona, chegándose a falar mesmo de ‘Xeración Nunca Máis’. Erades conscientes naqueles momentos da importancia, da significación do movemento?

 

-Non. Era a primeira vez que se facía na nosa terra un movemento destas características, un movemento tan masivo e que era de abaixo arriba, asembleario, no que todas as decisións importantes se adoptaban en asembleas abertas... Aquilo non era unha simple asociación, vamos. Era algo grande, que estaba no día a día. Era moi aberto, había vontade de sumar, de aproximar, de achegar posturas... Había unha participación cidadá moi intensa, unha grande creatividade e, na xente que estabamos na xestora, había unha capacidade de integrar.

 

Na última etapa xa comezaba a haber algúns problemas, había xente que quería darlle outro contido, máis de abranguer outros temas, de abrir Nunca Máis a outros campos. Nunca Máis naceu cunha finalidade e cun marco de actuación que era concreto: a catástrofe do Prestige.

 

Foi un movemento que tomou a responsabilidade que non tomou o Estado nin a  Xunta. 

 

-Que pegada consideras que fica hoxe do movemento Nunca Máis?

 

-Eu creo que Nunca Máis supuxo a autoconciencia do pobo galego que. se quere e ten vontade, é quen de facer grandes cousas, de articularse e responder a agresións como a do Prestige. Iso é moi importante. A reflexión a facer é como lograr que esa resposta tan plural e masiva non se dea só diante dunha agresión, senón tamén para articular iniciativas propias, de cara a construír un futuro.

 

Eu teño estado en moitas movidas sociais (ri): na loita pola recuperación da illa de Cortegada para o pobo, na loita contra os depósitos de hidrocarburos de Ferrazo (Vilagarcía), pero teño que recoñecer que Nunca Máis foi algo totalmente diferente. E foino por varias cuestións. A primeira, a diversidade. A segunda, que era un marco organizativo galego, a soberanía de Nunca Máis estaba aquí, na nosa terra, aínda que se realizasen actuacións no estranxeiro. E, algo moi importante, era plural. Para poder incidir na realidade a pluralidade é chave, é unha forma de contrastar e perfilar mellor as iniciativas. Iso víalo claro cando traballabamos todos cos nosos matices, cos nosos pareceres distintos... Construíase moito mellor o discurso. Isto facía que tivésemos unha gran adaptabilidade, polo que podiamos ofrecer respostas en moi distintas situacións, en diferentes escenarios. Desde ir a praias afectadas pola maré negra con alumnos de centros de ensino medio de toda Galiza até os concertos, o traballo contra o chapapote... Mariñeiros, estudantes, ensinantes, mariscadoras, traballadores, veciñas, os artistas con Burla Negra... Era todo moi animado, moi dinámico: desde a capacidade de actuar até facer propostas e ideas...

 

A pregunta que me queda é que pouso ficou daquilo na sociedade

 

-Hai quen destaca de todo aquilo a capacidade de resposta do pobo galego fronte ao abandono das administracións, fronte á renuncia do Estado

 

-Foi un movemento que tomou a responsabilidade que non tomou o Estado nin a  Xunta. Un movemento moi activo, moi capaz de sinalar co dedo as insuficiencias, as responsabilidades do que estaba a pasar. Fomos quen de marcarlle o paso ao poder político. O pulso da realidade eramos quen de levalo ao día a día e iso a pesar de que non nos daban cancha ningunha. Un exemplo, a primeira presenza convidada de Nunca Máis na TVG é un debate no que a xestora decidiu que fose eu. Aquilo foi un debate para esmagar Nunca Máis (ri). A nosa posición alí estaba illada, non había ningún tipo de equivalencia entre a presenza social e reivindicativa e a presenza nos medios públicos, estabamos bloqueados.

 

-De haber hoxe outro Prestige, estariamos mellor preparados?

 

-Pois non o sei. Douche a miña opinión persoal, non só en base ao Prestige senón tamén a todas as movidas que teño participado: a pregunta que me queda sempre é que pouso ficou daquilo na sociedade. Ás veces, cando se está en historias así, e lembro por exemplo a movida contra a OTAN, hai que se preguntar que fica daquilo. Eu creo que fican certos valores, enxertos que son asumidos como colectivos pola sociedade, que xa non son simples cuestión ‘nosas’, dos activistas que estivemos en primeira liña naquelas loitas. ‘Son xa valores que existen na sociedade, e para que se fosen construíndo aí, alicerzando, a responsabilidade neste caso de Nunca Máis foi moi importante.