Caída de follas e estrelas tras o comezo do outono

Inicio do outono (Imaxe: Santi Alvite).
O evento astronómico máis destacado desta estación é a chuvia de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano.

Ás 15.31 horas desta terza feira dará comezo o outono astronómico, que traerá consigo as chuvias a Galiza, especialmente no sur do país. A terceira estación do ano prologarase até as 11.02 horas do 21 de decembro, día no que terá lugar o solsticio de inverno.

O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo, lembra que como na primavera "estamos en datas nas que teoricamente a noite e o día teñen e mesma duración, de aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen estas dúas épocas do ano".

O outono deixa tras de si un verán caloroso, segundo os datos de Meteogalicia. O mes de xuño, frío en canto a temperaturas, deu paso a un xullo "extremadamente cálido" que se veu compensado cun agosto "dentro dos valores normais".

As ribeiras do Miño e do Sil, así como a comarca de Valdeorras, rexistraron as temperaturas máis altas.

Un outono astronómico

Entre os fenómenos astronómicos máis salientábeis deste outono, José Ángel Docobo destaca a chuvia das estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano, e cuxa xornada de esplendor será o 14 de decembro.

"Nesta ocasión, coa Lúa nova, agárdase poder observar máis de cen meteoros á hora nos lugares sen contaminación luminosa", apunta o director do observatorio.

Outras choivas de estrelas, como as Oriónidas en outubro ou as Leónidas en novembro, presentarán menor intensidade.

Mentres as árbores perden as súas follas, Xúpiter e Saturno achegaranse entre eles todo o outono para alcanzar a máxima aproximación xusto ao remate da estación. Ambos os planetas pódense contemplar mente actualmente a simple vista.