Folgoso do Courel declárase concello libre de eucaliptos

Folgoso do courel

O pleno aprobou por unanimidade a moción, na que tamén se apostaba en dar prioridade a especies como os castiñeiros.

O concello de Folgoso do Courel declarouse libre de eucaliptos. Así llo transmitiu a alcaldesa, Dores Castro, á conselleira de Medio Rural, á que informou que o pleno municipal aprobara por unanimidade unha moción presentada polo gobernante Partido Popular neste sentido.

O Concello pretende impulsar especies como o castiñeiro, especie que para alén do valor ambiental e paisaxístico está a dar moi bos resultados neste concello a través da industria da castaña.

Entidades ambientalistas e ecoloxistas denuncian a 'eucaliptización' de Galiza. “Na Galiza o eucalipto medra nunhas 500.000 hectáreas e aumentando”, denunciaban a comezos de ano desde Adega, Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. Ocupa case o 17% de todo o territorio galego. Por iso, os ambientalistas apostan en prohibir o eucaliptus nitens por invasor e fixar moratoria para o globulus.

Estes colectivos, canda entidades como a dos montes veciñais en man común, son moi críticos coas políticas da Xunta en materia forestal, sinalándoa como responsábel de permitir a "eucaliptización".