Folga xeral de 48 horas no Sergas na defensa da sanidade pública

CIG e CCOO chaman á cidadanía a apoiar esta mobilización os días 9 e 10 de decembro. “Temos que impedir que fagan da saúde un negocio para a privada”.

Contras as continuas privatizacións, os copagamentos e os recortes laborais e salariais. E para reclamar unha sanidade pública de calidade, na que se garanta a universalidade e gratuidade das prestacións e unhas condicións laborais dignas. Eses son pos motivos sobre os que se alicerza a folga xeral de dous días (9 e 10 de decembro) convocada no Sergas polos sindicatos CIG e CCOO.

É unha “folga xeral de carácter social fronte á política de privatizacións emprendida polo PP tanto en Galiza como no goberno central”, manifestan os convocantes.  Alertan do perigo de que en breve sexa imposíbel prestar unha atención sanitaria de calidade, do momento no que a imposición dunha taxa de reposición do 10% de efectivos que causan baixa no Sergas está xa a provocar unha perda de persoal que será maior canto máis tempo pase.

“Unha situación coa que se pretende favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendid@s no sistema público por falta de persoal”.

Precariedade laboral

CIG e CCOO recoñecen a súa preocupación polo incremento da precariedade laboral, un aumento derivado, afirman, da proliferación de contratos con xornada inferior á estabelecida; contratos por días soltos para non garantir as libranzas correspondentes ou diminución da contratación, o que está a ter como consecuencia un incremento exponencial do desemprego no sector sanitario.

Tamén alertaron do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas, tamén, ás privatizacións.