A folga en Urxencias do CHUS apunta ao final após 14 semanas

O persoal apoia maioritariamente en referendo a última proposta da xerencia.

Por 66% a favor e 32% en contra o persoal de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela deu o visto bo á ultima proposta feita desde a xerencia, o que supón que en breve podería rematar a folga que os traballadores e traballadoras deste servizo protagonizaban desde hai 14 semanas. "Vistos os resultados os traballadores ratifican que aceptan a proposta de xerencia, para o cal dende o Comité de folga solicitamos unha reunión con Xerencia o luns 18 de cara a asinar a acta final de negociación", indica o comité de centro no comunicado no que informa das votacións.
 

"A última proposta de dirección era de 11 enfermeiras e 11 auxiliares. A discrepancia radicaba nos médicos, pediamos catro facultativos e maior número de presenzas e eles só ofrecen dous. Non aceptan implementar catro interinidades", informaba esta cuarta feira Camilo Agulleiro, presidente do comisión de centro, sobre o contido da proposta en conversa con Sermos Galiza.
 

"O conflito ten a súa orixe en que ao longo destes anos fóronse incrementando o número de padiolas e de espazos nas Urxencias sen dotación de persoal. Iso provocou que o persoal saturara, que tivese unha gran sobrecarga de traballo. Mobilizábase puntualmente persoal de planta mais iso non arranxa as cousas. O que demandamos é persoal e medios", explicábanos.