Folga 'telemática' indefinida do estudantado da Facultade de Comunicación da USC

Facultade de Ciencias da Comunicación (USC)

Cualifican de “inaceptábel” a actitude da equipa decanal da Facultade, aos que sitúan “fóra da realidade” que deben vivir as e os estudantes na actual situación.

A Asemblea Aberta de Comunicación vén de convocar unha folga indefinida desde esta cuarta feira, 15 de abril, pola "actitude inaceptable" das responsábeis da Facultade de Ciencias de Comunicación.

Unha decisión que se adopta após a xuntanza que esta segunda feira, 13 de abril, mantiveron coa equipa decanal e cos coordinadores das titulacións "na que romperon todas as pontes", afirman.

"Chegaron a dicir que se non podiamos facer traballos de fin de grao coa bibliografía axeitada teriamos que arranxarnos con menos", sinalan nun comunicado."Non se nos ocorre nada máis degradante para os nosos títulos e parao ensino universitario que propoñer abertamente facer as cousas mal".

Xornalismo

A Asemblea considera que as e os responsábeis da Facultade "están fóra da realidade" e que non coñecen as precarias condicións de estudo de moitos dos seus propios alumnos.  "Que o decano propoña facer TFG prácticos co móbil é inaudito", sinalan, ao tempo que se amosan "fartos de que non nos teñan en conta". "Chegóusenos a dicir que hai compañeiros xornalistas que están traballando sen cobrar. Cremos que empregar ese tipo de argumentos nunha Facultade é indigno: ata aquí chegamos".

Afirman tamén que a convocatoria de folga permite ademais que o alumnado con problemas para continuar coa docencia a distancia poida suspender as entregas de traballo e a asistencia en liña, amparándose nos dereitos recollidos polo estatuto do estudantado.

Dende a Asemblea Aberta de Comunicación inciden no “desdén que se está a mostrar por parte tanto da Facultade como da USC cara á saúde psicolóxica do seu alumnado” que , “como o resto da sociedade galega”, vive nunha situación de gran excepcionalidade na que, afirman, "non pode seguir todo igual".

O estudantado non quer que se sinale ao profesorado como culpábel e insiste en que as discrepancias son coa equipa decanal e co reitorado da universidade compostelá.