A folga en Renfe afecta a circulación de 60 trens na Galiza

Convocada por CCOO para esta segunda feira, día 15, polos “incumprimentos” da empresa a respecto do convenio.

A folga convocada por CCOO en Renfe para esta segunda feira afectará un total de 60 traxectos con orixe ou destino na Galiza, dos cales 33 son de Media Distancia. O paro coincide co inicio da segunda quenda da operación saída das vacacións de verán.

O paro afecta no noso país a máis de media ducia de liñas. Segundo a  web de Renfe, non haberá tren entre A Coruña e Vigo, afectando tamén as paradas de Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa ou Pontevedra, para o que sae ás 11:00 da cidade coruñesa. Na dirección oposta, tampouco sairá o das 11:15 e o das 17:25. Os da Coruña a Vilagarcía ás 13:15 e os que van a Compostela ás 22:10 tampouco circularán. Tampouco o que fai Santiago-A Coruña ás 22:55.

En canto aos Alvia que conectan Galiza con Madrid tamén están afectados pola folga. Hai cancelacións en tres servizos de Ourense a Vigo (6:55 horas, 12:08 horas e 19:13 horas) e polo menos as do 7:05, 9:16 e 22:15 de Vigo a Ourense. Tamén se cancela o primeiro tren pola mañá entre A Coruña, Lugo e Ourense, así como o último que conecta Lugo con Ourense.

A nivel de conxunto do Estado Renfe cancelou 320 trens, dos que 107 son de AVE de longa distancia. CCOO convocou esta xornada de 23 horas de paro por considerar que a empresa “incumpriu” o pactado en materias importantes do novo convenio, relativas ao emprego, reducir a xornada e aumentar o soldo.