A folga, no horizonte do persoal sanitario ante o "caos" na área de Pontevedra

Persoal sanitario seguiu en directo o balance sindical e debateu en asemblea os pasos a seguir. (Foto: Nós Diario)
A falta de planificación e unha "xestión deficiente" por parte do equipo directivo da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés no último lustro conduciron "ao caos sanitario" que están a sufrir profesionais e doentes dos centros de saúde, PAC e hospitais da zona. A denuncia parte de cinco sindicatos que reclaman unha negociación directa co presidente da Xunta para evitar a folga.

Representantes dos sindicatos sanitarios CESM Galiza, Prosagap, Co.bas, Omega e TSP veñen de lanzar un ultimato ao Goberno galego: de non se sentar a negociar solucións urxentes que muden a situación asistencial en todos os niveis da área de Pontevedra e O Salnés avanzarán "na convocatoria dunha folga de todos os profesionais sanitarios".

"Agora, en pleno verán, consideramos que non é o momento de convocar un paro rápido que non conduza a nada", afirma a Nós Diario o médico de urxencias Enrique Marra, voceiro de CESM Galiza. Mais de cara a setembro de non obter unha resposta inmediata por parte do presidente da Xunta, botarán man das mobilización para encarreirarán as súas demandas.

O persoal sanitario apela directamente a Alfonso Rueda. "Esperaremos unha semana a que contacte con nós -ou a persoa na que delegue- e inicie unha negociación que será con acordos que deberán facerse públicos".

Balance do "caos"

Sindicatos e traballadores fixeron balance dunha situación insostíbel que se agravou coa chegada do verán, o incremento da Covid e a chegada de miles de visitantes.

"Xa non podemos máis", aseguran, nunha área sanitaria na que apuntan condicións "distintas" a doutros distritos, como resultado dunha xerencia "deficiente" que precipitou "fuga de profesionais, a marcha de residentes coa especialidade rematada e  xubilacións anticipadas imprevistas". Sinalan unha carencia de persoal "brutal", sobre todo en PAC e centros de saúde. "Os PAC están con contratos eventuais e contan polo menos cinco vacantes. En Primaria faltan unha vintena de efectivos. E isto é unha espiral: cada vez menos xente máis sobrecargada atende unha poboación crecente no verán", di Marra.

A presión na Primaria con axendas diarias de 60 doentes, "gardas obrigatorias nos PAC con ameazas", movementos dun centro a outro até no mesmo día e diminución de persoal facultativo que obrigou  determinados "feches funcionais" nos últimos días trasládese aos hospitais.

Tal e como informou este xornal nas últimas datas as urxencias do hospital de Montecelo permaneceron varios días colapsadas, "con até 45 doentes esperando de forma simultánea nos corredores". Os tempos de espera chegaron a superan as 72 horas neste servizo, pero tamén acusaron demoras nos traslados en ambulancia, de 24 e 12 horas, "no caso dunha nena de 12 meses cun traumatismo craneoencefálico".

Apertura de camas

Esta situación urxe unha resposta inmediata, asegura Marra. Por iso piden o cese inmediato do equipo directivo da área, un plan de emerxencia que reverta a situación actual de colapso, precariedade e falta de planificación e a apertura das camas fechadas.

"Chegou a haber 125, 101 en Montecelo e no Provincial e 24 no Salnés, que permanecen baleiras. Coas de Montecelo van xogando. Seguen fechadas as de lactantes e medicina interna, pero as de cirurxía, trauma e cirurxía maior ambulatoria, abren e fechan segundo lles parece".