A CIG denuncia que perdeu 20% do persoal

Folga na Escola de Arte Dramática de Vigo pola restitución de profesorado

A Escola de Arte Dramática de Vigo. Foto: cedida.

A partir da vindeira segunda feira, 17 de setembro, os traballadores e traballadoras da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, con sede en Vigo, estarán en folga. Protestan pola redución de persoal docente. A CIG cífraa en 20% desde 2014.
 

O cadro de persoal do centro denuncia ademais o “comportamento hostil e arbitrario” que mantén o inspector asignado á escola e responsábel de decidir as retalladas. “Esta empeñado en tratar a ESAD como un instituto de secundaria”, critica a CIG nun comunicado.

 

A folga durará tres días. O motivo central, o esganamento do profesorado e a esixencia de restitución dos seis postos de traballo perdidos nos dous últimos anos. “Para este curso académico, a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes. A Consellaría de Educación non só non concedeu ningunha tras a inspección, senón que eliminou outras tres e axudicou 34 interinidades. En 2014 eran 42”, sinala o sindicato.

 

As retalladas coinciden ademais cun aumento de matrícula nos primeiros cursos. A central sindical cualifica de “particular asañamento” o do inspector Gonzalo Lorenzo Prozzo: “Entremétese nas prazas solicitadas e cambia o seu perfil, acosa cargos directivos e menospreza a autoridade do profesarado”.

 

A protesta, do 17 ao 19 de setembro, incluirá concentracións a segunda feira perante o edificio da Xunta de Vigo ás 12.00 e a terza e a cuarta, ás 11 na xefatura territorial de Educación en Pontevedra.