O estudantado galego sae ás rúas polo dereito á vivenda

Manifestación estudantil polo dereito á vivenda, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Arxina)

O prezo do aluguer na Galiza continúa aumentando mes tras mes marcando novos récords. A suba interanual do prezo do arrendamento (+5,6%) máis que duplica o incremento da inflación (+2,3% nese período). Esta cuarta feira, alumnado da Galiza mobilizouse nas sete prinicipais cidades na defensa do "dereito á vivenda".

En 2020 o prezo medio do aluguer na Galiza era de 438 euros ao mes, segundo o Observatorio galego da Vivenda. Catro anos despois, en agosto de 2024 —último mes computado— o prezo medio do arrendamento situouse en 541 euros, 103 euros máis, unha suba de 23,5%. Entre agosto de 2023 e ese mesmo mes do presente exercicio, 2024, o incremento foi de 5,6%, máis do duplo do que aumentou a inflación, 2,3%.

Os "alugueres imposíbeis", como os cualifica a organización Erguer, Estudantes da Galiza, son un dos motivos da xornada de protesta que esta cuarta feira se desenvolveu no país, protagonizada por centos de estudantes, e convocada pola propia Erguer. Unha folga con seguimento "multitudinario", segundo as convocantes —cifran en 95% o seguimento— e cunhas manifestacións nas sete cidades principais que desafiaron o mal tempo para defender o "dereito á vivenda". En declaracións a Nós Diario momentos antes do inicio da mobilización en Compostela, Artai Gavilanes, responsábel de organización de Erguer, sitúa precisamente o incremento do aluguer nestes anos como "un dos principais problemas do estudantado para acceder ao ensino superior". Gavilanes sinala a suba do arrendamento nas cidades universitarias ao longo destes anos e súmao á "escaseza" de prazas en residencias públicas para estudantes. "Lévase 30 anos sen que se teña construído ningunha residencia pública nos campus galegos", critica.

O prezo medio do aluguer na galiza é de 541 euros, nas cidades supera os 600.

Ante este escenario, Erguer propón, ademais da ampliación das prazas en residencias públicas, a creación dunha bolsa de vivenda pública para o estudantado e a limitación dos prezos de aluguer. "Son medidas que a Xunta da Galiza pode adoptar, ten as competencias", conclúe Gavilanes.

Caro e con mofo

Noa González.

"Pagas 180 euros por unha habitación pequena nun piso no que os caixóns teñen mofo, como lle pasou a unha amiga", sinala a Nós Diario Noa González, que estuda Químicas na Universidade de Vigo (UVigo). Indica que os arrendamentos na cidade olívica andan pola volta de 300 euros ao mes por unha habitación "e non inclúe gastos. É unha tolería", afirma esta estudante universitaria de Ponteareas (O Condado).

De 2020 a 2024 o prezo do arrendamento subiu en 23,5%.

Na mesma liña, Iria Costas, que estuda Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) indica a este medio como a ela e ás súas compañeiras de piso o caseiro, "dun curso para outro", aumentoulles en 100 euros o prezo do aluguer.

Iria Costas.

Lembra que cando estaba en primeiro de carreira —agora está en cuarto— visitaron "até seis pisos" e atoparon "de todo": desde pisos con buratos no chan até habitacións de un metro cadrado. Afirma que nese periplo por inmóbeis composteláns  "os propios caseiros, ademais, dicíanche: se non o queredes tanto ten, xa o collerán outras", conscientes de que a demanda é moito maior que a oferta que hai. A oferta de vivenda en aluguer reduciuse á metade en catro anos. Está hoxe en mínimos con só 2.780 propiedades dispoñíbeis no circuíto comercial, fronte ás perto de 6.000 que computaba o sector en 2020. Segundo a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, a principios de verán Vigo tiña 420 vivendas para alugar, A Coruña 350, Ourense 180, Compostela175, Lugo 120, Pontevedra 100 e Ferrol 90. Uns números que permiten facerse unha idea da dificultade do estudantado para conseguir un ben que é tan escaso. E a isto súmase a escalada de prezos de arrendamento. En agosto —en comparación co mesmo mes de 2023— o incremento foi superior a 9% en Compostela, mentres en Vigo e A Coruña, cidades tamén sedes universitarias, ese aumento foi de 7% e 8,6% respectivamente.

Advertencia do Colexio de Administradores

O Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza (Coafga), alertou de novo ao inicio do curso 2024-2025 de que moitos dos inmóbeis que se alugan a estudantes de universidade non reúnen as condicións adecuadas para habitar neles, ademais de teren un prezo moi elevado. Coafga lembra que os pisos deben ser aptos para o seu uso e reunir unhas condicións mínimas de habitabilidade.

Artai Gavilanes.

"O da vivenda é un problema estrutural", considera o responsábel de Erguer, Artai Gavilanes, "e responde a un modelo de desenvolvemento económico, pero non pode ser que a factura a paguen o estudantado e as clases populares". Unha das consecuencias para a mocidade —estudante ou non— da dificultade de facer fronte aos alugueres é a de que seis de cada dez persoas de entre 18 e 34 anos residen aínda na vivenda dos seus proxenitores.

Até 260.823 persoas de entre 18 e 34 anos viven coas súas nais e ou cos seus pais. Segundo os datos achegados pola Enquisa Estrutural de Fogares para 2022, último ano con cifras, que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE), 64,3% da poboación nesa faixa de idade reside na vivenda familiar.


13 prazas de VUT por cada 1 de residencia estudantil

As universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo reúnen nos seus campus cada ano máis de 70.000 estudantes aos que proporciona, en total, unhas 1.500 prazas públicas de aloxamento en colexios maiores e residencias universitarias. A oferta é moi inferior á demanda e á necesidade de vivenda, que vira cara ao sector privado e o mercado de aluguer.

Pola contra, nesas tres cidades universitarias hai —segundo o rexistro da Xunta da Galiza de vivendas de uso turístico (VUT)— case 19.900 prazas de pisos turísticos. Por cada praza nunha residencia pública para estudantes hai pois 13 prazas de VUT. De feito, a proliferación dos pisos turísticos e como estes impactan negativamente no mercado de arrendamento residencial foi tamén outra das denuncias realizadas esta cuarta feira na xornada de folga e mobilizacións estudantil.

As políticas do Goberno galego, apunta Erguer, Estudantes da Galiza, "reafirman e defenden o uso da vivenda como ben de mercado. Nesta dinámica insírese a forte turistificación do noso país, orquestrada desde a Xunta da Galiza, que diminúe aínda máis as vivendas dispoñíbeis, expulsa as estudantes dos centros urbanos".

O pasado mes de setembro  as vivendas de uso turístico rachaban na Galiza a barreira das 25.000.