A folga do 8-M cancela unha ducia de trens na Galiza

Interior da estación de ferrocarril da Coruña con varios trens agardando a súa saída (Nós Diario)

Non circularán 6 dos trens que unen Vigo e A Coruña, 5 dos que o fan entre A Coruña e Ourense, entre outros.

A folga do 8-M terá tamén repercusións no transporte público por ferrocarril. Renfe informa de que na Galiza cancelará unha ducia de trens que circulaban entre diversas cidades galegas, así como non circulará o tren de longo percorrido que sae de Chamartín (Madrid) ás 7:15 horas e chega a Pontevedra ás 13:35.

Entre as liñas afectadas está a que une A Coruña e Ourense, onde non circularán 5 trens: Os da 6:38 e 14:00 horas entre a estación coruñesa e a ourensá e os das 11:45, 17:05 e 19:52 entre a cidade das Burgas e a herculina.

Tamén se suspenderán 6 trens que unen Vigo e A Coruña: o das 5:35 entre A Coruña e Guixar, e os das 8:00 e 12:00 entre A Coruña e Urzáiz. Non circularán tampouco o das 5:10 entre a estación viguesa de Guixar e A Coruña e os das 11:00 e 16:35 entre Urzáiz e A Coruña.

O das 18:20 de Vigo a Compostela tampouco circulará, así como o das 20:12 que fai esa liña entre a capital galega e Vigo.

O das 22:15 Santiago-A Coruña non estará operativo o 8-M, como tampouco o das 23:10 en sentido inverso.

Outro tren que non circulará vai ser o das 7:02 que une A Coruña e Ferrol, e o das 8:40 entre Ferrol e A Coruña.

O das 15:00 horas Lugo-Ourense non estará activo nesa xornada e tampouco o das 11:50 entre a cidade ourensá e a luguesa.