A folga paraliza a CRTVG e a emisión do 'Termómetro'
O comité de folga da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) valorou moi positivamente o seguimento da xornada de folga nos medios públicos. A este respecto, a presidenta do comité intercentros da CRTVG e dirixente da CUT, Raquel Lema, destacou a Nós Diario o “importante seguimento” do paro entre o persoal da corporación, que a dirección do ente rebaixou a 32,5% do cadro de persoal. Nesta dirección, informou de que están convocadas xornadas de folga para mañá, o 11 e o 14 de outubro, adquirindo, no caso de haber acordo, carácter indefinido a partir do 16 de outubro.
As mobilizacións do persoal da CRTVG contaron co apoio da presidenta Federación Europea de Periodistas, Maja Sever, que se desprazou esta esgunda feira a Compostela. Sever asegurou: “Estou aquí porque unha das nosas maiores motivacións é loitar pola protección do servizo que fan os medios públicos e para intentar dar apoio a esta xente porque está no camiño correcto. O servizo dos medios de comunicación é moi importante para a democracia. Os medios de comunicación públicos son a maneira de ensinar á xente, á cidadanía, ao mundo que o xornalismo é un ben público”.
A protesta obrigou a paralizar a emisión do programa O Termómetro -comezou ás 13 horas, con 100 minutos de atraso, unha vez rematada a folga, vendo reducida a súa duración de 145 a 45 minutos-, algo que os convocantes da folga explicaron como unha mostra do seu alcance, malia os servizos mínimos fixados pola compañía e recorridos esta segunda feira polas organización sindicais. Nesta perspectiva, a representación sindical “considera excesivos os efectivos incluídos” nos servizos mínimos, “practicamente os mesmos que para unha folga de xornada completa, como recoñeceu o director de Recursos Humanos na reunión de negociación mantida”.
A coincidencia dos paros coa emisión do novo programa O Termómetro, unha coprodución sucesora do programa de produción propia A Revista, non foi casual. Neste sentido, o comité de folga quería denunciar que o novo programa está a ser realizado por Producións Audiovisuais Setemedia SL e O Papaventos TV SL, a razón de 16.000 euros diarios por programa. Precisamente, O Papaventos TV é a filial galega do grupo madrileño La Cometa TV, integrado no conglomerado empresarial Eurostar Mediagroup, cuxa directora xeral é Rosa María Díez Fernández, asesora do ex presidente español Mariano Raxoi (PP) durante oito anos en tres ministerios.
A externalización da programación por parte da dirección da corporación é un dos detonantes da protesta. O comité de folga da CRTVG ve inadmisíbel "a malversación de recursos públicos para ceder a terceiros producións que viña elaborando de modo case mimético o persoal da CRTVG con menos medios e orzamento, un persoal que ademais resulta relegado a tarefas menores, afastadas do servizo de información e comunicación audiovisual que ten encomendada a CRTVG, cando non perde directamente case toda a carga de traballo propia da súa categoría profesional".
“Non só externalizan a programación para darlle os cartos ás produtoras amigas”, sinalou Raquel Lema, senón que o fan “para ter o control dos contidos, porque cando subcontratas dislle ás produtoras o que queres meter e cal é a liña informativa”. Na mesma liña, denunciou a falta de vontade de diálogo da dirección da CRTVG, até o punto de que “desde a pandemia non convocaron os sindicatos a ningunha reunión presencial, o que dificulta o diálogo porque este sempre é máis fluído cando se dá cara a cara”.
A convocatoria da folga dáse nun contexto onde PP promove unha reforma lexislativa para, denuncia o persoal da CRTVG e a oposición no Parlamento, blindar o control dos medios públicos. Nesta dirección, o Goberno remitiu o pasado mes de xullo ao Parlamento o anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, que vén modificar a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza, fixando que para designar o director xeral da CRTVG non será necesaria unha maioría reforzada de tres quintos do Parlamento, como na actualidade, abondando pasados tres meses coa maioría absoluta dos membros da Cámara, fixada en 38 escanos, dous menos dos que ostenta o PP.
Lei de medios
Lema explica que a crítica do comité intercentros da CRTVG á Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital non se limita só á mudanza no mecanismos de escolla do quipo directivo da corporación. A este respecto, o órgano de representación do persoal ten cualificado o anteproxecto como "burla á democracia que, de prosperar, transformaría definitivamente a radio e a televisión públicas de todos os galegos e galegas no maior órgano de propaganda do PP, sen contrapoder algún e financiado cos cartos de todas e todos".
O paro desta segunda feira coincide no tempo coa tramitación dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) por parte de 40 entidades políticas, sindicais e sociais co obxectivo de “democratizar a CRTVG”. A ILP aposta por garantir unha "información veraz, obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade" e reclama que os medios públicos galegos sexan "un reflexo do pluralismo que existe na Galiza". Ao tempo, demandan o fomento da produción propia, sendo "motor da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores".