O director de Recursos Humanos da CRTVG declarará como investigado a cuarta feira nos xulgados de Compostela nun caso de presunto acoso laboral

Victor Tubío, á dereita da imaxe, acompañando a declarar a outros directivos da CRTVG en 2023. (Foto: Nós Diario)
Este 7 de outubro o persoal da CRTVG secunda o primeiro dos catro paros convocados contra a produción externa e o "desmantelamento" dos medios públicos, previos a unha folga indefinida de non se producir ningún acordo coa Dirección da CRTVG.

Víctor Tubío Villar, director de Recursos Humanos da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) comparecerá a cuarta feira de 9 de outubro ás 9 horas no Xulgado de Compostela para declarar como investigado en relación cunha querela criminal interposta por unha traballadora da Radio Galega en relación a posíbeis delitos de acoso laboral e contra os dereitos dos traballadores.

Pola súa banda, ás 9 horas da quinta feira do 10 de outubro están chamados ao mesmo xulgado o subdirector dos Servizos Informativos da CRTVG, Alejandro López Carballeira, e o responsábel do Servizo de Prevención da compañía, Manuel Casás Macías, tamén, na condición de investigados.

As tres persoas con responsabilidades directivas na CRTVG  aparecen como quereladas nunha demanda presentada por unha xornalista que accedeu hai 35 anos, mediante concurso-oposición, a unha praza fixa como redactora na Radio Galega. Após unha paréntese de oito anos nos que traballou noutro medio público na Galiza, en 2012 reincorporouse á CRTVG como coordinadora de relacións comerciais cos concellos, aproveitando a súa experiencia profesional no medio anterior. Porén, á volta de 2018, foi trasladada a unha praza de redactora de informativos da Radio Galega.

O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela instrúe dilixencias previas en relación con presunto acoso laboral a esta traballadora, que levou a citar como investigados a Alfonso Sánchez Izquierdo, o director xeral da CRTVG; Xosé Pereira Fariña, director da área de Innovación e Negocio; Alejandro López Carballeira, subdirector de Xestión dos Servizos Informativos; Tania Fernández Lombao, xefa do Servizo de Xestión Operativa de Programas da Radio Galega; Paula Veloso Pereira, xefa do Servizo de Xestión de Persoas e Seguridade Social; Susana Fernández Veiguela, que fora directora de Recursos Humanos; Manuel Casás Macía, coordinador de Seguridade, Saúde e Protección; e Vitalina Cuña Palencia, coordinadora de persoal da Radio Galega.

Primeira xornada de folga

Por outra parte, este 7 de outubro o persoal da CRTVG secundará a primeira xornada de folga das catro convocadas contra a produción externa e o "desmantelamento" dos medios públicos.

As asembleas de traballadores e traballadoras da Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) ratificaron a finais do pasado mes de setembro a convocatoria dun paro sostido para reclamar o cesamento da externalización da programación e a recuperación do diálogo social que permita a participación das profesionais na toma de decisión que afectan ás condicións laborais e ao futuro do modelo deste servizo público.

Ademais desta segunda feira, as traballadoras e traballadores da radio e da televisión públicas da Galiza irán á folga os días 9, 11 e 14 de outubro, data na que, de non terse producido un acordo que permita o levantamento do paro, adquirirá carácter indefinido, mantendo a partir do 16 de outubro a mesma alternancia nas xornadas intersemanais.

Os paros deenvolveranse entre as 11.30 e as 13 horas, por coincidir coa emisión do novo programa O Termómetro, unha coprodución, sucesora do programa de produción propia A Revista –que levaba máis de vinte anos na grella da televisión pública–, que segundo o Comité Intercentros dilapida recursos públicos (16.000 euros diarios, precisa) e facilita a manipulación informativa, afondando na estratexia de desmantelamento dos medios que o Comité Intercentros denuncia hai anos.

*Actualización da información, a 29 de xullo de 2025: Finalmente a citada causa xudicial foi arquivada e sobresida, e o 26 de xuño de 2025 a Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación interposto pola querelante contra o mencionado auto previo.