A folga afecta 43 trens na Galiza

Estación de tren de Santiago [Imaxe: Alberte Mera]

Convocada pola CGT para esta sexta feira.

A folga convocada en Renfe e Adif polo sindicato CGT implica a supresión de 43 trens de media e longa distancia na Galiza hoxe sexta feira, segundo informou o sindicato.

En concreto, explicou nun comunicado, os afectados polas paradas na Galiza serán 34 trens de media distancia e nove trens de longa distancia, aínda que só en determinados tramos.

Entre os máis afectados están as longas distancias a Pontevedra e Vigo, porque a composición do 'Train-hotel' en Madrid de Monforte a Vigo e o 'Intercity' de Ourense a Vigo non circularán.

A central afirma que “non podemos permanecer quietos cando o futuro que pretenden é vender as e os ferroviarios e a compañía a un prezo de saldo, cando continúan negándonos o dereito a unha promoción interna integral, cando limitan e recortan salarios mentres obteñen beneficios millonarios, cando a redución da xornada laboral se aplica segundo criterios economicistas e non ao cumprimento dos obxectivos da lei en termos de conciliación familiar e laboral”.