BELéN PUñAL, PROFESORA UNIVERSITARIA NO ECUADOR

"Foi como se a terra te abalase. Non foi un movemento brusco, foi oscilante"

Belén Puñal, con Quito ao fondo.

Belén Puñal, profesora na Universidade Estatal de Milagro e colaboradora de Sermos Galiza, viviu en primeira persoa o terremoto de 7,8 graos que fixo tremer o Ecuador durante un minuto que se fixo interminábel. Coñecemos da súa man como lle está a afectar o sismo ao país.

Como respira Ecuador após o terremoto?

Ecuador é un país neste momento en crise. Está a verse moi afectado pola caída dos prezos do petróleo e as arcas do Estado están moi minguadas. Penso que isto está a pasar no peor momento.

O pobo ecuatoriano está afeito aos sismos?

Aquí a xente está acostumada aos tremores de terra, eu mesma testemuñei dous nos sete meses que levo aquí. Ecuador está no chamado cinto de fogo do Pacífico. As placas tectónicas do Pacífico fan que os movementos de terra sexan habituais, mais non desta intensidade. Ademais, esta é terra volcánica, o que tamén a fai máis vulnerábel aos tremores.

"Impresionoume moito ver dúas mulleres rezando na beirarrúa. E é que este é un país moi católico e todo se pon en man de Deus"

Dis que este terremoto foi de maior intensidade.

Este foi moito máis forte do habitual. A terra tremeu durante case un minuto. Malia a que en Milagro non houbo danos, a xente alarmouse moito. Impresionoume moito ver dúas mulleres rezando na beirarrúa. E é que este é un país moi católico e todo se pon en man de Deus.

Temes novos sismos?

Si, teño medo a réplicas. De feito, houbo outro tremor grande unhas horas despois. Levo toda a noite sen durmir –cando conversamos para a entrevista eran as 7 hora local -. Prefiro estar en alerta por se volve suceder.

"Ao principio, pensei que era eu que me estaba a marear. Despois decateime de que non era eu, senón a terra, a que se movía"

Como foi a sensación?

Foi como se a terra te abalase. Non se tratou dun movemento brusco, senón oscilante. Ao principio, pensei que era eu que me estaba a marear. Despois decateime de que non era eu, senón a terra, a que se movía.

Veuche á cabeza aquel sismo con epicentro en Sarria-Triacastela-Becerreá de 1997?

Si, veume á cabeza, mais eu daquela era estudante en Compostela e alí non se notou tanto. Ademais, durmo como unha pedra, así que practicamente nin me decatei. Foi en Ecuador cando os tremores foron quen de espertarme de noite.

Que fixeches cando te decataches de que se trataba dun sismo?

Acababa de chegar do traballo. Saía da estación de buses e estaba chegando á casa. Ía cruzar unha rúa cando notei que a terra empezaba a oscilar. Procurei afastarme dos edificios e tamén dos cabos da luz, que aquí están por todos os lados...

"En Pedernales, cantón situado en pleno epicentro, o índice de pobreza é do 90,5% e as condicións de pobreza fan que os desastres naturais se convertan en traxedia"

Aínda que en Milagro non se rexistraron danos.

En Milagro só foi o susto. O peor foi na zona costeira do norte. É moi probábel que as cifras de mortes e persoas feridas aumente nas próximas horas porque, cando deron os últimos datos (case 80 persoas sen vida), os servizos de rescate aínda non chegaran alí. A isto cómpre engadir os problemas que aquí teñen as construcións, o que as fai pouco resistentes. Aínda que as taxas de pobreza se reduciron moito nos últimos anos, aínda seguen sendo importantes. En Pedernales, cantón situado en pleno epicentro, o índice de pobreza é do 90,5%, segundo datos do INEC (Instituto de Estatística Ecuatoriano) de 2010. As condicións de pobreza fan que os desastres naturais se convertan en traxedia.

Contactaches coa túa familia? Estaría asustada.

O terremoto foi ás sete da tarde ecuatorianas, é dicir, ás tres da madrugada en Galiza. Preferín non chamar, para non asustar o meu pai e a miña nai coa chamada. Mais as noticias voan, e antes de que eu chamara, xa me estaban chamando...

Contactaches con algún galego ou galega en Ecuador a raíz do terremoto?

Si, claro que si. De feito, estivemos boa parte da noite en contacto por whatsapp e as redes sociais. En Guayaquil, cada vez hai unha colonia de galegos e galegas maior...Moita xente con mestría ou doutoramento busca en Ecuador unha saída. Agora a colonia vai a máis porque unha empresa galega, o Grupo Puentes, conseguiu a concesión da construción dun hospital en Guayaquil. Así que á xente que traballa na Universidade únese agora a que traballa na construción do hospital.