“Foi o Nunca Máis das mulleres”: o feminismo galego valora o 8M e os pasos a dar a partir de agora

Imaxe: GZ Contrainfo

Catro voces do movemento feminista galego  analizan a xornada histórica que se viviu o 8 de marzo e opinan sobre cara a ónde debe camiñar o movemento agora.

Ducias de miles de persoas tomaron parte o 8 de marzo nas mobilizacións que decorreron en Galiza ao abeiro da greve xeral de mulleres. Unha verdadeira maré lilá que sorprendeu pola súa magnitude e compromiso. Falamos con catro feministas, de diferentes xeracións e movementos, sobre o que todos coinciden en que foi unha xornada histórica e os pasos a dar a partir de agora.

 

Concha de la Fuente (Marcha Mundial das Mulleres): “Foi todo un éxito das mulleres”

 

“Foi todo un éxito das mulleres, do traballo desenvolvido ao longo deste tempo polo feminismo”, sinala Concha de la Fuente. A falla dunha valoración”rigorosa e polo miúdo” da xornada por parte da Marcha Mundial das Mulleres, que farán en breve, as primeiras impresións son que o 8M foi moi positivo.

 

De la Fuente destaca non só as importantes mobilizacións mais tamén os paros secunda ados polas mulleres traballadoras nas súas quendas e o esforzo daquelas que “estiveron na greve de 24 horas”, unha greve que non era só laboral senón que tamén de coidados e consumo.

 

“Foron meses nos que no feminismo conseguiuse traballar con diferentes colectivos e organizacións de mulleres de todo o país”, afirma, salientando a importancia desa comunicación, dese tecido, do que naceu a mobilización do 4 de mazo, “que foi marabillosa e que animou a moitas a se sumar ao 8M”.

 

A presenza de moitas mozas mais tamén de mulleres moi maiores é todo un motivo de satifacción e de coller pulo e folgos para continuar na loita, sosteñen desde a Marcha.

 

Margarida Corral (CIG): “Este 8M foi o Nunca Máis das mulleres”

 

“Foi unha xornada verdadeiramente histórica, revolucionraia”, expresa con contundencia Margarida Corral, secretaría da Muller da CIG, que recoñece que a xornada de mobilizacións “desbordou mesmo as expectativas que tiñamos moitas”. De procurar un movemento galego próximo de ‘contundencia’ semellante, Corral apontaría a que este foi un “Nunca Máis das mulleres”.

 

Salienta a sindicalista non só as mobilizacións sociais senón tamén os paros e implicación das traballadoras. “O papel das mulleres sindicalistas foi determinante para o éxito da xornada, que era unha folga”, aponta, e afirma que “as mulleres da CIG fomos quen moveron ás mulleres nos postos de traballo para ir a esta folga”.

 

Así, ela pon en valor que “nas quendas de noite, mañá e tarde conseguiuse que as mulleres saísen dos seus postos de traballo para parar”, implicándose así moitas por primeira vez en mobilizacións feministas. “Este 8M houbo mulleres que asumiron que están discriminadas simplemente por selo”.

 

Á pregunta de agora que?, a secretaria da CIG responde: “o mesmo que onte e que antonte, as mulleres de Galiza temos que seguir a loitar, a demandar e formular as nosas reivindicacións: no fogar, no laboral, contra a violencia machista”. “Aí ben o10M, Día da clase operaria galega, e como mulleres traballadoras temos que reclamar os nosos dereitos”.

 

Paula Ríos (Plataforma feminista galega): ““Isto non fixo máis que comezar”

 

“Foi un día histórico”, manifesta Paula Ríos. “O feminismo demostrou que ten capacidade, que ten forza”, indica ao tempo que salienta que “o activismo feminista, sen liberadas e co traballo de todos estes anos, é quen de encher as rúas” contra a discriminación da muller.

 

Ríos aponta ao traballo e compromiso desenvolvido ao longo de todos estes anos, “e que moitas veces non se vía”, como unha das explicacións do éxito deste 8M. Mais non só, tamén fala a da Plataforma feminista galega da “reactivación do movemento [feminista] nestes últimos tempos” da man da loita contra a violencia machista ou no dereito ao aborto. Así, lembra, as mobilizacións do 8 de marzo do ano pasado “xa foran concorridas”.

 

E a partir de agora? “Darnos un par de días para descansar e dixerir todo isto (ri)”, contesta. E advirte: “Isto non fixo máis que comezar, sairemos á rúa as veces que faga falla”. Como un dos primeiros pasos aponta a idea de “sentarnos os feminismos para ver de facer chegar ás administracións as demandas, que hai moitas que non son difíciles de aplicar”.

 

Marisela González (Tamborililás): “Foi un punto de inflexión”

 

O himno deste 8M en Galiza foi o ‘Verdegaio lilá’, variando a letra da coñecida cantiga tradicional (“As penurias que pasaron / as nosas antepasadas, / non as imos aguantare / esta loita está gañanada!” / Vai tu, vai tu / vai ela”). As Tamborililás son as súas intérpretes. Unha delas, Marisela, tamén emprega adxectivos como “histórico” ou “incríbel” para se referir ao que aconteceu esta quinta feira.

 

“Todas as mobilizacións petadas, incríbel, nas cidades e tamén nas vilas”, salienta. Indica que a afluencia ás concentracións da mañá indicaban que a cousa era seria e as mobilizacións da tarde ían recordar. Por iso se decidiu cambiar o final da mobilización para a Praza do Obradoiro, cansdo nun principio estaba previsto un lugar máis pequeno. E o Obradoiro encheuse.

 

“A xornada foi un punto de inflexión, a partir de agora o 8M ten que ser todos os días. Isto non pode ficar nunha manifestación”, afirma González, que destaca todo o tecido creado en cidades e vilas polo movemento feminista para este 8M. “Iso haino que manter”, indica, “porque o de onte [polo 8 de marzo] é só un punto de partida”.