VÍDEO | Este é o estado en que ficou o campo de fútbol de Ponte Caldelas por mor do temporal

Estado en que ficou o campo de fútbol de Ponte Caldelas (Foto: Andrés Díaz).
Segundo informou o 112, na xornada do sábado recolleron un total de 296 incidencias no conxunto do país. As máis destacadas están relacionadas coa presenza de obstáculos nas estradas.

Marchou unha borrasca e chegou outra, esta baixo o nome de Domingos, un temporal que xa deixa na Galiza centenares de incidencias por mor dos fortes refachos de vento e as inundacións que está a provocar.

Unha das incidencias máis destacábeis deuse en Ponte Caldelas onde o campo de fútbol ficou totalmente inservíbel tras as continuas chuvias da madrugada e da xornada do sábado.

A alcalde da localidade, Andrés Díaz, publicaba un vídeo nas súas redes sociais para mostrar a situación en que ficaron numerosas partes do concello. Díaz cualificou o acontecido de “desastre natural” e asegurou que as perdas económicas son “millonarias”.

296 incidencias

Segundo informou o 112, na xornada do sábado recolleron un total de 296 incidencias no conxunto do país. As máis destacadas están relacionadas coa presenza de obstáculos nas estradas.

Así, 190 en relación á retirada de árbores e pólas, 22 con postes de cables e de iluminación ou telefonía e 12 de restos de accidentes e derrubes.

As tarefas de prevención de risco, como a retirada de vexetación, suman xa 27 incidencias e nas últimas horas empezan a ser máis abundantes os avisos relacionados coa choiva. Por iso, producíronse múltiples intervencións dos servizos de emerxencias por inundacións en estradas (23), nove en referencia a bolsas de auga, outros tantos anegamentos en vivendas e tres inundacións en rúas e dúas en garaxes.

Cortes de circulación

A DXT cortou a AG-46 no quilómetro tres en sentido Cangas por un desprendemento. Un particular deu aviso aos xestores de emerxencias que á súa vez alertaron á Garda Civil e aos servizos de mantemento da autovía.

Outro desprendemento foi rexistrado no quilómetro 10 da P0-313, en Moaña, cando os servizos de emerxencias advertiron dunha pedra de grandes dimensións que dificultaba a circulación. Aliás, a liña ferroviaria do Miño entre Ourense e Vigo permanece cortada desde primeira hora deste sábado.

No campo de fútbol de Bouzas, un particular alertou de que se estaba soltando unha das torres de iluminación. No momento do aviso explicou que se movía moito e que cedía a súa base.

Inundacións

Os servizos de emerxencias tiveron intervir para auxiliar varias persoas que quedaron atrapadas en bolsas de auga cos seus vehículos. Un caso produciuse en Nogueira, no concello de Ponteareas.

Na zona do río Belelle, en Neda, o bombeiros de Ferrol tiveron que rescatar unha persoa cuxo seu vehículo era arrastrado polo río, o implicado conseguiu saír por unha das xanelas, pero quedou illado pola auga.

A central de emerxencias recibiu múltiples chamadas de particulares que alertaban dos cursos dos ríos desbordados, como en Tea e en Ponteareas e avisos parecidos foron recibidos de localidade como Viveiro, Ponte Caldelas e Cuntis.

En Salceda de Caselas, un particular informou de que había unha estrada asolagada perto dunhas naves industriais situados en Budiño, polo que Protección Civil tivo que cortar e sinalizar a vía.

Outra das incidencias máis comúns é a presenza de árbores nas estradas, sobre todo en vías secundarias pero tamén rexistraron casos na PO-534 (Silleda), N-559 (Mondariz), PO-214 (A Estrada), N-634 (Mondoñedo), N-640 (Castro de Rei), A-52 (A Caniza), PO-255 (Ponte Caldelas) e na LU-613 (O Páramo).