25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

Os Fogos do Apóstolo enchen de luz e cor Santiago nunha noite sen incidencias destacadas

Os fogos do Apóstolo, sobre a Catedral de Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Para a noite deste 25 de xullo, as propostas musicais do Concello son Seso Durán, que ofrecerá un concerto no parque de Galeras a partir das 21 horas, e Cimafunk, na praza da Quintana, ás partir das 22h.

Santiago de Compostela viviu a noite do 24 de xullo e as primeiras horas de entrada ao 25 de xullo, Día da Patria Galega, sen incidencias destacadas, nunha xornada marcada pola luz e cor coa que os Fogos do Apóstolo encheron todos os recunchos da capital galega. A traca final dos lumes deixouse sentir en toda a cidade xa que, máis un ano, os máis de 2.000 quilos de material pirotécnico lanzáronse desde cinco puntos estratéxicos: a Alameda, o Parque de Carlomagno (Fontiñas), a Cidade da Cultura, o Parque de Eugenio Granell (Conxo) e As Cancelas. Desde cada un destes cinco puntos realizáronse 1.550 disparos de máis de 390 quilos de NEC (Neto Explosivo Contido), até alcanzar a cifra total de máis de 2.000 quilos de pólvora.

O espectáculo de luz e cor comezou ás 23.30 horas cunha combinación de tronos e grandes bombas de cor, seguido dunha serie de conxuntos con figuras xeométricas e florais, entre outras, acompañados por varios efectos de son e luz.

Á súa conclusión, composteláns e visitantes que este luns encheron a cidade, repartíronse polas rúas da capital galega para gozar dunha noite na que o concerto de Xabier Díaz na praza da Quintana, dentro da programación do Concello, e as actuacións de Fillas de Cassandra, Deus Ke Te Crew e Grande Amore, dentro do Festigal, puxeron a nota musical.

Para a noite deste 25 de xullo, as propostas musicais do Concello son Seso Durán, que ofrecerá un concerto no parque de Galeras a partir das 21 horas, e Cimafunk, na praza da Quintana, ás partir das 22h.

Con todo, se ben a noite foi "bastante tranquila" en termos xerais, as autoridades trasladaron algunhas incidencias. Intoxicacións etílicas e pelexas foron as intervencións máis repetidas polos servizos sanitarios e as forzas de seguridade na madrugada deste 25 de xullo en Santiago de Compostela.

Unha destas pelexas rexistrouse nas proximidades dun pub na rúa de San Paio de Antealtares e saldouse con catro persoas feridas, unha delas trasladada ao hospital cun golpe na cabeza, segundo confirmaron fontes consultadas pola axencia Europa Press.

Contra as 3.45 horas, varios particulares puxéronse en contacto co 112 para alertar da pelexa con moitas persoas implicadas. Aliás, nas súas chamadas indicaban que "voaban cadeiras e botellas" e que había xente ferida. Até o lugar desprazouse persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 e axentes da Policía Nacional e da Policía Local.