‘Fodechinchos’: É un fenómeno de xentrificación? Ou simplemente o ‘obreiro de Leganés que vén comer unha nécora’?

Paseo da praia de Silgar, en Sanxenxo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

Que significa “fodechinchos”? Ao redor do termo xorde un debate apaixonado entre quen advirte dun fenómeno típico das economías turísticas, vinculado ao aumento de produtos básicos e á xentrificación, e quen o considera un clasismo, “o discurso do invasor”.

Unha das discusións máis repetidas nas redes sociais ten a ver cos “fodechinchos”. Un fenómeno que cobrou máis protagonismo coa conta “Fodechinchos en Galiza”, que experimentou nos últimos días un crecemento considerábel.

Preséntanse como un perfil con “todo sobre os nosos queridos fodechinchos”. “Marisco baratísimo, acento gracioso, fechados pero hospitalarios”. Convidan a seguilos, “se queres rir un pouco”.

Desde a citada conta compártense as típicas noticias do verán que dan conta dos coches que acaban somerxidos no mar “porque no Manzanares non hai mareas” ou aqueles vehículos atrapados entre as rúas de Combarro (Poio) e comentarios de turistas que enxalzan “a catedral de Pontevedra”, critican as “pistas rodeadas de matogueiras” das illas Atlánticas, as “pedras” que inzan os castros ou a cantidade de galegos que frecuentan as praias.

Tamén recolle queixas como a referente á Casa-Museo Rosalía de Castro, onde “após pagar 2 euros”, “todas as aclaracións e comentarios estaban en galego”, aos cheiros das augas termais, ás “murallas esteticamente feas de Lugo”, e ás gaivotas que “poñen en perigo a túa integridade” nas illas Cíes.

As críticas máis frecuentemente recollidas teñen relación coa temperatura da auga do mar, coas algas e co vento, pero tamén coas “pedras grandes” que se poden ver en “moitas praias” como a das Catedrais (Augasantas), en Ribadeo, “totalmente sobrevalorada”. E sobre o cabo “villano” ou o río Barosa, “cheo de xente bañándose e con toallas. Unha decepción!”.

Alén das anécdotas que recolle esta conta satírica, existe todo un debate ao redor do significado de “fodechinchos”. Só son os de fóra da Galiza fodechinchos ou nós tamén o somos cando saímos da Galiza?

A propia conta de Twitter defende que “non todo o mundo colle un paraugas no free tour, un Airbnb, critica o idioma do lugar ao que vai, exixe ter un lugar adaptado para el, critica todo... en resumo, ten comportamentos colonizadores”.

Acrecenta que “ser fodechincho non é sinónimo de turista, todos somos turistas nalgún momento”.

No Morrazo téñeno claro

O “Disionario Morrasense” define o termo como “jichos que invaden os nosos areais maioritariamente no verán, aínda que alghún ten a súa "2ª" residencia intentando camuflarse na zona. Procedentes do outro lado da ría en gran parte. Grazas a eles tardamos catro horas en cruzar polo medio de Moaña e Cangas, ademais reducen a velocidade da Vía Rápida, concretamente a 0km/h para protexernos de posíbeis accidentes, algo bo tiñan que ter. O termo vén de hai moitos anos: un sinal moi indicativo de que está a chegar o verán no Morrazo é que o peixe na praza dispara o seu prezo até límites insospeitados, cando os chinchos un día van a 6 euros, o seguinte van a 12 euros... e claro, un morrasense auténtico vai buscando a oferta máis baixa por toda a praza, un turista (madrileño sobre todo) non, arrampla co primeiro que vexa inda que custe a 20 euros o quilo de chinchos. Cando o pobre morrasense vai buscar os chinchos, xa non queda ningún e maldí o ceo dicindo "Xa nos viñeron joder os chinchos!”.

“Fodechinchos” describe en orixe un fenómeno típico da turistificación, como o encarecemento de prezos de produtos básicos ou a expulsión de habitantes das zonas históricas e céntricas das cidades debido á eclosión de alugueres turísticos. De feito, a USC estuda como combater as vivendas turísticas e a xentrificación.

Hai quen acusa este discurso de clasismo e de turismofobia, propio de “heroes da clase obreira de Leganés que só queren comer unha nécora”. Neste sentido, hai quen opina que “proletariado tamén é a traballadora da droguería que tivo que fechar porque na zona vella ninguén precisa xa fíos Gutterman. E ela xa non vai viaxar nin a Amalfi nin a Benidorm”.

Un debate galego ben candente que caracteriza estes días as redes sociais.