O foco de variante india no buque atracado en Vigo sobe a 8 afectados

Barco ro-ro 'Prometheus Leader', atracado en Vigo e en corentena, tras confirmarse 6 positivos de Covid-19, tres coa variante india do virus [Imaxe: Europa Press].

Outro mariñeiro hospitalizado

Outro mariñeiro do buque 'Prometheus Leader', en corentena no porto de Vigo e no que se detectaron casos da variante india, ingresou no hospital após dar positivo nas probas de Covid. Con iso, son cinco os mariñeiros hospitalizados e oito o total de tripulantes afectados por este foco.

Así o trasladaron este quinta feira a Europa Press fontes do Grupo NYK, propietario do buque 'Prometheus Leader', e fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas). De acordo co grupo dono do barco, o novo mariñeiro contaxiado é un oficial eléctrico.

De acordo co Sergas, dos cinco mariñeiros hospitalizados no Hospital Vithas de Vigo (antigo Fátima), un atópase na unidade de coidados intensivos (UCI) desde esta terza feira, mentres que o resto está en planta. Todos eles atópanse "estábeis".

O Grupo NYK asegurou que está pendente da evolución de toda a tripulación "antes de tomar calquera decisión sobre os próximos movementos do buque". Así, informou de que os mariñeiros contaxiados que se atopan a bordo "están a recibir tratamento baixo estritas condicións de corentena e estanse recuperando ben".

Respecto o resto da tripulación, comunicou que "deu resultados negativos nas probas" de Covid, aínda que se "están seguindo de preto os protocolos de xestión de covid a bordo". Así, estáselles controlando "para detectar calquera signo de infección", e o buque "está a limparse e desinfectando regularmente".