O foco na residencia de Barbadás eleva a 267 os contaxios en centros de maiores

O centro de Barbadás é o segundo en casos, despois do dos Gozos, en Pereiro de Aguiar.
O foco de coronavirus detectado o  domingo na residencia público Nosa Señora da Milagres de Barbadás, que afecta 57 residentes e catro profesionais, sumado aos 10 novos casos detectados no centro Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, até os 16, eleva de forma significativa a incidencia da Covid-19 nestes centros.

Segundo os últimos datos que traslada a Consellaría de Política Social, nesta segunda feira eran 267 as persoas usuarias afectadas pola enfermidade, e 162 traballadores e traballadoras, mentres o sábado os positivos estaban en  196 e 138, respectivamente.

Preguntado onte por Nós Diario, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informou de que, no caso de Barbadás, se trata de casos asintomáticos e indicou que será o persoal técnico de Servizos Sociais enviado "inmediatamente" ao xeriátrico para avaliar a situación quen tomará "todas as decisións para cumprimentar o protocolo elaborado polo comité clínico sensu stricto: illamentos, circuítos Covid e non Covid, e o que corresponda", así como o  número de persoal que se contratará para atender o centro, tal e como lle solicitou o Concello.

" O importante é estabilizar a residencia e detectar coa maior rapidez posíbel, nun universo de 37.000 persoas entre traballadoras e usuarias, cales poden estar infectada". manifestou Feixoo, despois de sinalar que tanto esta como o resto de residencias se someten a cribados quincenais, do persoal traballador e do residente.

Para o BNG, porén, o caso de Barbadás resulta "especialmente elocuente do neglixente proceder da Administración autonómica", ao se tratar dun centro de titularidade e xestión da Xunta "e que se sitúa nun concello que, desde hai máis dunha semana, estaba suxeito a medidas de restrición da liberdade ambulatoria, de circulación e de reunión.

"Desde hai tempo, existían datos que advertían da existencia dun perigo certo de contaxio no Concello de Barbadás, polo que era imperativo extremar ao máximo as medidas de prevención e coidado nos centros situados nese concello e, dentro destes, pola especial vulnerabilidade dos residentes no centro de maiores", observan desde o grupo parlamentar nacionalista.

Segundo vén de anunciar, trasladará á Xunta unha serie de preguntas sobre as medidas de prevención implantadas nesta residencia, modificación do plan de prevención de riscos laborais para reducir o perigo de contaxio ou datas e resultados dos tests PCR ás residentes e traballadoras deste centro.