O foco do botellón nas Balears xa suma 215 contaxios na Galiza

Unha persoa recibe unha vacina nas instalacións habilitadas en Compostela. (Foto: Europa Press)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou a situación das e dos estudantes que viaxaron a Mallorca nas excursións de fin de curso. Por outra parte, avanzou que xa se tramitaron perto de 1.500 reservas para a vacinación mediante o sistema de autocita.

O megasurto da Covid-19 derivado dun botellón que decorreu en Mallorca xa derivou en 215 persoas contaxiadas na Galiza. Así o confirmou na cuarta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que tamén aludiu á súa preocupación pola desescalada das medidas restritivas á vista da evolución epidemiolóxica das últimas semanas. Aliás, comentou que o sistema de 'autocita' está funcionando ben entre os colectivos galegos para os que está aberto.

García Comesaña aproveitou a súa última comparecencia pública para explicar que os viaxes de fin de curso ás Balears xa están vinculados a 215 positivos e até 173 persoas permanecen nestes momentos en corentena.

A maioría das e dos afectados están na área de Pontevedra (144) pero hai casos chegados desde Mallorca en boa parte da Galiza. Ademais, as nove alumnas galegas que fican nun hotel na illa para curar do coronavirus evolucionan ben.

Así mesmo, do grupo de 21 rapazas e rapaces que colleron un barco até Valencia -no que xa se detectaran cinco infectados- seis dos 15 que chegaron a Galiza en autobús tamén colleron o virus.

"A desescalada, en perigo"

Na súa comparecencia para falar das medidas tomadas polo Comité Clínico, o representante da Xunta tamén volveu chamar á responsabilidade á mocidade en xeral porque existe preocupación por como está a evolucionar a pandemia no país.

"A desescalada está en perigo", alertou, pois foron desaparecendo limitacións pero hai momentos nos que hai que retomar o control malia que non estivera previsto "dar marcha atrás".

Universitarias e maiores de 50

Precisamente unha das fórmulas nas que se segue a traballar é a inmunización da cidadanía. Malia que agora os servizos sanitarios teñen os maiores esforzos centrados na segunda dose da poboación de entre 40 e 49 anos e da primeira daquelas persoas que teñen entre 30 e 39 anos, tamén se están a gardar espazos para o sistema de 'autocita'.

A ferramenta dixital, que se puxo en marcha na segunda feira, xa xestionou 1.481 solicitudes de cita para acudir aos centros de vacinación.

Nun primeiro momento abriu só para as e os mozos que van ir de Erasmus o próximo curso e non estarán na Galiza cando lles tocaría a súa quenda por franxa de idade. Destas hai 671 peticións.

Aliás, nesta cuarta feira, permitíase o trámite a persoas maiores de 50 anos e houbo 810 expedientes en apenas unhas horas.

"En canto teñamos un circuíto para identificar a eses Erasmus doutras universidades de fóra, o sistema tamén estará aberto para eles, e tamén para outros estudantes que, sen ser Erasmus, teñen necesidades desta vacinación anticipada", avanzou o conselleiro.