O foco detectado na residencia de Silleda mantense en 33 usuarias contaxiadas

Un home entra nun centro de saúde no concello de Guitiriz. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
No cómputo global, un total de 48 persoas usuarias de residencias de maiores atópanse infectadas, unha menos que o día anterior.

O surto de coronavirus detectado na residencia de maiores Coviastec de Silleda non presentou variacións no último día, cando as usuarias contaxiadas, que foran vacinadas, se mantiveron en 33.

Segundo recolle o boletín diario actualizado este domingo polas consellarías de Sanidade e Política Social, un total de 48 usuarioas de residencias de maiores atópanse infectadas, unha menos que o día anterior. Así, retirouse do cómputo un residente do Fogar Residencial Xardín Castro Lareira de Salceda de Caselas tras ter negativizado.

Deste modo, a residencia Coviastec de Silleda, na que se detectou un gromo de Covid-19 esta semana, mantense como a que suma un maior número de casos.

Ademais, a residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia contabiliza 10 contaxiadas. Tamén hai tres residentes do centro Mi Casa de Ferrol infectadas e outros dous positivos na residencia DomusVi Laraxe de Cabanas.

Así mesmo, un total de dúas persoas traballadoras de residencias de maiores permanecen contaxiadas, unha delas correspondente ao centro Coviastec de Silleda e outra que exerce o seu labor no de Caranza.

Pola súa banda, os centros de discapacidade non presentan ningún caso.