A Flotilla da Liberdade navega rumo a Gaza

[Imaxe Rumbo a Gaza]

O buque Marianne de Göteborg chegará a Galiza o 30 de maio onde será despedido cunha festa popular.

 

O porto de Bueu recibirá un dos buques que compoñen a Flotilla da Liberdade. O Marianne de Göteborg partiu este domingo desde Suecia e chegará a Galiza o 30 de maio onde permanecerá durante dous días. 

A embarcación viaxa provista de paneis solares e equipamento médico e ten como obxectivo rachar o bloqueo imposto por Israel na Faixa de Gaza. Mais tamén, lembran desde a organización, visan remover conciencias e pór na axenda mediática o conflito en Palestina. 

O Marianne de Göteborg será despedido en Bueu cunha romaría popular. Desde Galiza viaxará a Portugal e outros puntos da Península Ibérica para se reunir no Mediterráneo coas demais embarcacións da Flotilla. 

A viaxe desenvólvese, aliás, no marco do quinto aniversario do ataque ao Mavi Marmara atacada pola armada israelí no 2010 e en cuxa agresión foron asasinadas 10 persoas e feridas medio cento. Desde a Flotilla da Liberdade queren salientar a impunidade daquel ataque polo que non foi xulgado o goberno israelita no que definen como un acto de piratería.