Caderno de Verán

A flote en ríos e mares

Nas embarcacións do Grove distancian á xente por grupos (Foto: Nós Diario)
Os cadros de persoal das distintas empresas están a empregarse a fondo para gardar as distancias, desinfectar de maneira constante e obrigar o público a levar posta a máscara de continuo, salvo para degustacións

O flotar é unha arte: sobrevivir en tempos económicos difíciles non é sinxelo pero hai quen o consegue ante situacións que outras persoas ou empresas xa verían como un naufraxio. Entre eses negocios que se manteñen a flote contra ventos, mareas e ameazas están os catamaráns do Sil ou os barcos e catamaráns que teñen amarre no porto do Grove.

As cousas cambiaron, pero o certo é que seguen atendendo o turismo que chega con todos os protocolos de seguridade e saúde vixente. Toca amarrar o cinto e ampliar espazos vitais. Desde a empresa Hemisferios Viaxes, que embarca xente no río Sil para coñecer os canóns da Ribeira Sacra, contan que os cambios non impiden que “a partir das 10.30 horas cada hora” saia unha embarcación a percorrer a canle máis caudalosa da Galiza.

“Levamos un 30% menos de pasaxeiros, xa non por obrigación senón por ser responsábeis”, indican.

Aclaran que as novidades que se pode atopar a xente a bordo é que agora hai “xel desinfectante” á man, “é obrigatorio vir con máscara e aleatoriamente resérvase o dereito a medir a temperatura a algunhas ou algúns clientes”. Non é a mala fe, nin para fiscalizar a situación médica duns e doutros, senón para asegurar que tanto a pasaxe como a tripulación están seguras mentres gozan das vistas.

A bastantes quilómetros de distancia, xa no litoral, traballan outro tipo de catamaráns que amosan o fondo mariño a espectadoras galegas e de fóra. Tamén capean o temporal os barcos de paseo e degustación. Malia estar lonxe da Ribeira Sacra a situación non dista moito.

“Estamos a traballar dentro da nova normalidade, o que quere dicir que tomamos medidas de control de capacidade, distanciamento entre pasaxeiros, facemos degustacións pero separados…”, din desde o colectivo de catamaráns.

Se antes atendían un perfil moi diverso de persoas, agora van familias, parellas e, en xeral, grupos moi pequenos. “A demanda baixou exponencialmente” a pesar de que as quendas se manteñen. “Nós cumprimos a normativa e chamamos á xente ao sentido común, a que cumpran as medidas”, subliñan, pois ás veces tócalles ir advertindo ao público.