Flores pídelle a Crujeiras “transparencia” e que “deixe de xogar ás agachadas co profesor Míguez”

A candidata a reitora Maite Flores no acto de comezo de campaña da segunda volta. (Fuente: Nós Diario)
A candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela Maite Flores celebrou nesta sexta feira a súa apertura da campaña da segunda volta das eleccións.

A catedrática de Óptica e candidata á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Maite Flores aproveitou o seu acto de apertura da segunda volta da campaña electoral, celebrado no Edificio Docente Roberto Novoa Santos, para reclamarlle a Rosa Crujeiras, “máis transparencia” e que “deixe de xogar ás agachadas co profesor Luis Míguez”.

A transparencia non só hai que predicala e pedila, senón que hai que practicala, e Rosa Crujeiras debe aclararlle antes do vindeiro día 11 á comunidade universitaria se ten pensado rescatar ao profesor Míguez como secretario xeral”, manifestou Maite Flores, antes de afearlle tamén á outra candidata que leve rexeitados xa tres debates propostos por dous medios de comunicación e polo Centro Tecnolóxico TIC Gradiant.

A catedrática de Óptica realizou estas manifestacións diante de máis dun cento de persoas que acudiron ao Edificio Roberto Novoa Santos, onde tamén asegurou que “xa falta menos para conseguir a remontada”, despois de que a Comisión Electoral dera curso a unha reclamación presentada e admitirá un erro no cálculo dos resultados ponderados da primeira volta.

No remate da súa intervención, Flores pediulle o voto a toda a comunidade universitaria para “construír unha universidade de maior prestixio nacional e internacional, que lidere o progreso social, que xere coñecemento e cultura , que forme egresados que van liderar a sociedade e que mellore as súas infraestruturas coa axuda dos concellos".