Prácticas flexíbeis e teletraballo: chaves da Xunta para manter a FP

Alumnado nunha aula de FP. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou ao empresariado o documento para adaptar as prácticas do alumnado en tempos de pandemia. A Xunta, permitiría, por exemplo, unha redución nas horas ao mínimo legal se se chega a un momento de maior excepcionalidade.

Ao igual que non se renuncia ao ensino, neste caso presencial pero con peticións de plans a cada centro ante unha hipotética corentena, a Consellaría de Educación ten un plan para que a Formación Profesional manteña a súa estrutura habitual dentro da nova normalidade. Para iso, a Xunta pide flexibilidade horaria e posibilidade de teletraballo ás empresas que ofrezan prácticas.

O conselleiro do ramo, Román Rodríguez, presentou esta quinta feira o documento coas instrucións ás empresas, cámaras de comercio galegas e outras entidades.

A idea non é implantar os cambios de inmediato, pero si que se quere preparar a todas as partes ante un posíbel novo confinamento.

Para que as e os estudantes non perdan o curso nin tempo de educación de cara á súa incorporación total ao mercado laboral, a consellaría propón dúas chaves para a actuación das compañías que oferten prácticas.

En concreto, pídelles flexibilidade horaria e de prazos e unha aposta no teletraballo se fora necesario. A forma telemática, sempre que se ofreza a posibilidade, é o mellor modo de completar os módulos de Formación Profesional nunha situación excepcional.

Así mesmo, na súa intervención Rodríguez comentou que nestas circunstancias é aceptábel que se reduza o período de formación nos negocios até o mínimo estabelecido. Este é de 220 horas nos cursos de grao medio e superior e de 130 horas nos básicos.

Máis tempo e fórmulas para evitar ese proceso

Se ese fora o caso, “completaríase mediante prácticas en obradoiros propios dos centros ou mediante unha proposta de actividades asociadas ao entorno laboral”. Respecto dos tempos, estes poderían alongarse até o 31 de agosto.

Por outra parte, a norma mesmo permitirá evitar o módulo de prácticas ás e aos estudantes que acrediten un mínimo de seis meses de experiencia laboral con conexión aos estudos que estea facendo.

No caso da FP Dual, respectarase o estabelecido nos convenios entre a Administración, os centros e as empresas.

Para Rodríguez, esta batería de iniciativas van dar unha “seguridade” ao alumnado “sen perder a calidade e o contacto co mundo laboral”.